As galegas Laura Dosil, Ruth Tilve e Sabela López participarán no Mundial Junior de taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Tres galegas (Laura Dosil, Ruth Tilve e Sabela López) participarán no décimo Campionato do Mundo Júnior, que se celebrará entre os días 23 e 26 de marzo en China Taipei. Con anterioridade, celebrarase o Clasificatorio para os Xogos Olímpicos da Xuventude, que terán lugar en China no mes de agosto. As galegas, xunto ao resto do equipo español, xa están en China Taipei, coñecendo o “Taipei Arena”, recinto que ten capacidade para 15.000 espectadores sentados.

Nesta oportunidade son tres as deportistas que lograron a súa clasificación para o Mundial. As tres lograron o título de campioas de España júnior, pero Sabela López (peso pesado) ademais tivo que facer unha preselección ao gañar o título no punto de ouro. Pero aí Sabela non deixou lugar a dúbidas, e iso que fixo a preselección en pleno campionato de España sénior. A galega logrou o pase para a final e aí renunciou a competir para descansar cara a preselección, na que venceu por un claro 3-0 á andaluza Isabel Auxiliadora Bueno.

Esta será a segunda cita internacional de Sabela, que o pasado ano disputou o Campionato de Europa júnior en Portugal. Dela, o seu adestrador Miguel Patiño di que “é unha competidora técnica, con variedade de recursos, sobre todo en técnicas á cabeza”. Ten a cabeza fría e compite moi ben nos combates con tensión, os igualados, “case sempre vence no punto de ouro”. Cun ano de experiencia máis espera acadar un bo resultado. Sabela será a primeira galega en competir no Mundial, o día 23 de marzo.

Pola súa banda, será a primeira experiencia internacional de Ruth Tilve (-44), a pesar de que hai dous anos xa acadara o título de campioa de España júnior, pero tivo que realizar unha preselección para o Mundial 2012 e naquel momento quedou fóra. Agora, si participará neste cita de forma máis que merecida y ademais con dous anos máis de experiencia. O seleccionador galego Jesús Benito asegura que “é unha competidora con recursos, moi hábil nos golpes por alto e bo control das distancias”. O máis importante será controlar os nervios nesta primeira cita internacional, porque se é así “pode facer un bo campionato”. A viguesa competirá o día 24 de marzo.

A terceira representante galega no Mundial será Laura Dosil (-59) quen, a pesar da súa idade, amosa unha gran autonomía. “Traballa moi ben ca perna adiantada e ademais sabe atacar moi ben arriba. Gústalle levar a iniciativa do combate e ten bastante sangue frío”, manifestou o se adestrador, Juan Luis Queiruga. Laura xa competiu a nivel internacional en varios Opens e no Mundial de Clubs co Natural, onde quedou na primeira posición na categoría cadete. Dosil será a última galega en saltar ao tapiz, o día 25 de marzo.

18 de marzo de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.