As federacións deportivas galegas tamén sofren a crise económica
A Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) explicou hoxe en Vigo as dificultades económicas que están a vivir estas institucións con motivo dos recortes económicos nestes anos de crise e o seu malestar pola publicación de datos económicos que non corresponden coa realidade.
Hoxe celebrouse unha rolda de prensa na que estiveron presentes José Luis Pérez Ouro, presidente da Federación Galega de Balonmán e de UFEDEGA; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Francisco Villanueva, presidente da Federación Galega de Tríatlon, e Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo. Este encontro coa prensa celebrouse para explicar os recortes que está a sufrir este sector e os pasos que se están dando con respecto a loita contra a licenza única deportiva.
Pérez Ouro explicou que despois da sinatura dos convenios coa Secretaría Xeral para o Deportes, a semana pasada case corenta federacións deportivas galegas acudiron a un encontro en Santiago na que analizaron a complicada situación económica na que se atopan. “Somos conscientes do momento que a sociedade está a atravesar e dos recortes existentes en áreas moi sensibles coma educación ou sanidade, e estamos dispostos a asumir o sacrificio necesario solidariamente con toda a poboación”, pero o que non aceptan é que se estea a transmitir a idea de que houbo un incremento nas partidas orzamentarias para o deporte federado porque “non corresponde coa realidade. Non queremos que se transmita a idea de que somos un sector favorecido e que se presente ante a opinión pública un suposto incremento dos fondos destinados ao deporte federado que non se produciu en ningún momento”.
O representante da UFEDEGA explicou que “dende o ano 2009 as federacións sufrimos recortes de un 40 e 60 por cento nas cifras dos convenios asinados coa Secretaría Xeral para o Deporte” , tanto que algunhas teñen problemas para poder exercer as competencias públicas que a administración delega nelas.
Explicaron que nas informacións aparecidas nos medios de comunicación hai uns días se dicía que as federacións recibirían máis de sete millóns de euros no ano 2014, pero esa cantidade non se refire só ao presente exercicio, senón que inclúe outras partidas para catorce federacións olímpicas dos anos 2015 e 2016. A partida orzamentaria do 2014 é de 3.400.000 euros, inferior a do ano anterior (400.000 euros son para os seguros escolares da federación galega de fútbol, que ata agora non estaban incluídos).
Reunión con Lete. Pérez Ouro indicou que onte tivo lugar un encontro co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, no que se lle explicou a preocupación “por non coñecer con detalle o valor dos criterios técnicos do reparto aplicado pola Secretaría e que nalgún caso deron lugar a esas reducións de ata o 60% da subvención respecto do ano anterior”. Alcanzouse o compromiso por parte da Secretaría de intensificar o diálogo entre a administración autonómica e as federacións e acordouse a necesidade de que a propia Unión de Federacións nomease representantes para formar parte dunha comisión que estudará, xunto coa administración, diferentes modelos de reparto das subvencións baseados na máxima obxectividade e nas singularidades das distintas federacións galegas.
Licenza única deportiva. Por outra banda, Isidoro Hornillos, portavoz de la Comisión de Federaciones Deportivas Autonómicas (COFEDEA), explicou o papel que está a ocupar Galicia na loita contra a licenza única deportiva, que aparece incluída na da modificación do artigo 32.4 da Lei 10/90 do Deporte, actualmente en tramitación parlamentaria. O presidente do atletismo galego destacou a unión des federacións galegas en todo este proceso e o feito de que Galicia está “moi activa neste proceso, porque non podemos permitir que nos convertan en meras sucursais das federacións españolas”.
En opinión das federacións autonómicas a “licenza obrigatoria estatal” non supón máis que un intento de que os “problemas financieiros” das federacións deportivas españolas se resolvan pola vía de impoñer a todos os que practican deporte nas autonomías o pago dunha licenza estatal. Así, teranse que afiliar obrigatoriamente –e pagar- ás federacións españolas -aínda que nunca participen en ningún evento de ámbito estatal – os rapaciños e rapaciñas, os atletas amateurs e lúdicos, aqueles que so compiten non ámbito autonómico, etc. De 60 federacións galegas, 59 rexeitan esta medida por pretender mellorar os recursos económicos das federacións españolas pola vía de elevar os custes da licenza federativa e de eliminar a capacidade de xestión das federación autonómicas, que son as que organizan o 90% da actividade nas autonomías. De aprobarse esta modificación da lei 10/90 do Deporte pasarían a ser meras delegacións recadadoras de cotas para as españolas correspondentes.
Ademais, en opinión da UFEDEGA esta modificación da Lei do Deporte significaría unha inxerencia competencial, xa que as competencias do Deporte están cedidas ás comunidades autónomas.











