As empresas do Morrazo entregan o primeiro premio da campaña “Primavera en Familia”
Esta semana foi entregado o premio do primeiro sorteo da campaña en curso “Primavera en Familia” posta en marcha polas empresas de Bueu, Cangas e Moaña asociadas a FECIMO.
Foron recollidos miles de boletos que os clientes depositaron nas furnas dos establecementos participantes nos que fixeron algunha compra esta nova tempada primaveral.
O martes día 25 ás 21:00 horas procedeuse ao sorteo aleatorio nas instalacións da federación en Cangas, salindo como gañadora Chelo Portela Rodríguez, participante en Peluquería Balbina de Moaña.
No día de onte fíxoselle entrega do seu premio acompañada polas perruqueiras que lle deron a sorte – FOTO ADXUNTA-. O vale consiste nunha comida ou cea para disfrutar en familia, por valor de 150 euros, e que a gañadora compartirá co seu marido e os seus fillos, según comentou á organización.
Poderá canxear o seu vale no establecemento de hostalaría que ela escolla dentro das empresas deste sector que sexan asociadas a FECIMO, en calquera das tres localidades.
Na campaña “Primavera en Familia” aínda queda un sorteo por celebrarse, que será o día 6 de maio. O sorteo leva por lema: “Mamá Superstar!” e consistirá nun “servizo de perruquería e estética para mamá máis unha sesión de fotos en familia.” Escollerá o servizo de beleza que prefira e disfrutará dunha sesión fotográfica para o recordo.
Un total de 131 establecementos participantes do Morrazo continuarán a recoller boletos de participación dos seus clientes ata ese sorteo. Lembramos que deberán cubrir o boleto co seu nome, apelidos e número de teléfono para contactar en caso de resultar gañador/a. Poderán participar tantas veces como desexen, aumentando deste xeito as súas posibilidades de resultar agraciados.
FECIMO agradece a boa acollida que está a acadar esta proposta, recibindo gran cantidade de participacións de todos os que apostan polo comercio e os servizos que lle ofrece a súa vila. Con estes premios, poderán continuar a disfrutar no seu entorno coas variadas propostas que lle ofrece o tecido empresarial local.











