publicidade hoxe

As ANPA de Culleredo reúnense coa edil de Educación para tratar a construción dun novo IES

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

As asociacións de nais e pais dos colexios e instituto de Culleredo mantiveron onte un encontro coa concelleira de Educación, Carmen Varela, para abordar a situación da construción dun novo IES para o municipio. Os representantes da ANPA acordaron o seguinte comunicado, que o Concello de Culleredo subscribe na súa totalidade e “apoiará” todas as medidas que adopten os pais:

– Seguimos sen saber cando se realizará a tan necesaria licitación para que poidan comezar as obras de construción do centro, que se emprazará en Acea de Ama. Tras máis de 10 anos de pelexa son varias as promesas incumpridas polos distintos gobernos da Xunta de Galicia, estando a última promesa marcada para 2014-2015, o que vemos que non será posible.

– Seguimos dispondo dun único instituto, sobresaturado de alumnos, que comeza un novo curso coa mesma situación.

– A ANPA de Culleredo sentimos defraudadas e por iso, xunto co Concello, decidimos organizar unha reunión cos pais e nais de todos os colexios e do propio IES Branco Amor, e con representantes dos mesmos, para o xoves 3 de abril ás 20.00 horas no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Nela ofreceráselles toda a información do que está a ocorrer e proporanse medidas a tomar a partir da data, para facernos ouvir.

– Hai que lembrar que para o curso 2015-2016 presentaranse solicitudes de praza de máis de 300 alumnos, ao haber 11 aulas de 6º de Primaria, para as 250 prazas que posúe o actual IES Branco Amor.

– Somos o único municipio que posúe 4 CEIP, máis un colexio concertado, para un único IES, o que é de xeito evidente insuficiente

21 de marzo de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.