Arrincan os cursos de formación para os primeiros bolseiros do proxecto Acore II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa de que se iniciou a formación da primeira quenda de mozos Técnicos de Grao Superior que realizarán, durante seis meses, as súas prácticas en empresas europeas dentro do programa educativo municipal Bolsas Europa FP – Proxecto Acore II.

Así, 13 titulados en Ciclos de Grao Superior impartidos en centros de FP da Coruña, iniciaron esta semana os cursos intensivos de preparación lingüística e cultural previos ás prácticas que realizarán entre maio e novembro en empresas europeas de Gran Bretaña, Austria e Italia. En concreto, están a recibir cursos intensivos de inglés, alemán e italiano no centro cívico de San Diego, orientados especialmente cara á práctica oral e centrados nas especialidades formativas dos mozos técnicos.

Estes mozos profesionais tiveron que superar un proceso de selección onde se valorou o seu expediente académico, as súas características persoais e profesionais e o dominio de linguas estranxeiras, ademais de superar unha entrevista persoal con técnicos do Servizo Municipal de Educación.

As bolsas corresponden a estancias de prácticas en empresas europeas nas seguintes cidades e países:

– Portsmouth, Reino Unido: 10 prazas.

– Viena, Austria: 10 prazas.

– Florencia, Italia: 10 prazas.

En maio, convocarase o segundo proceso de selección pertencente á segunda quenda de mozos técnicos superiores. Serán 17 bolsas que permitirán aos beneficiarios realizar as súas prácticas formativas entre novembro de 2014 e abril de 2015. Do mesmo xeito que na anterior convocatoria, os interesados en participar no proceso de selección do programa Bolsas Europa FP-Proxecto Acore II, deben ser técnicos superiores nos seguintes ciclos formativos:

Hostalaría e Turismo

– C.S. Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos.

– C.S. Guía, Información e Asistencia turísticos.

– C.S. Dirección de Cociña.

– C.S. Dirección de Servizos en Restauración.

Comercio e Mercadotecnia

– C.S. Comercio Internacional.

– C.S. Xestión Comercial e Mercadotecnia.

Administración e Xestión

– C.S. Administración e Finanzas.

– C.S. Secretariado.

A segunda edición do programa está financiada con 172.000 euros e ofrece 30 prazas. Este financiamento cobre os desprazamentos de ida e volta dos mozos bolseiros aos seus países de destino, o aloxamento, os correspondentes seguros e o curso de preparación lingüística e cultural. Ademais, reciben tamén unha cantidade en metálico para colaborar nos seus gastos diarios.

Este proxecto é unha continuidade do desenvolvido no ano 2013, no que participaron cinco novos coruñeses que durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2013, puideron realizar as súas prácticas formativas en empresas dos mesmos países.

En total o programa Bolsas Europa FP – Proxecto Acore leva convocadas 35 prazas para mozas entre 18 e 30 anos formados en centros do Concello.

23 de marzo de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.