Apróbase con carácter definitivo o plan especial de saneamento e abastecemento da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Corporación municipal da Laracha, reunida hoxe na sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de marzo, elevou a definitiva a aprobación do Plan Especial do SXIS (sistema xeral de infraestruturas de servizos) de saneamento e abastecemento de auga cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións dos grupos municipais socialista e nacionalista.

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que se trata dun trámite urbanístico complexo ao requirir dos informes sectoriais dos diferentes organismos e que, trala aprobación do plan, o Concello da Laracha está en disposición de adquirir o terreo afectado polos proxectos de ampliación da  estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro e a creación dun novo depósito de auga potable de cabeceira en Golmar (entre os núcleos de A Calvela e Requesende). Unha vez dito terreo sexa de titularidade municipal, o Concello da Laracha dirixirase ao organismo Augas de Galicia para que a Xunta inicie a tramitación das actuacións contempladas.

O rexedor municipal lamentou non contar co apoio dos grupos da oposición, considerando que “a postura da abstención significa non aprobar e, por tanto, querer paralizar as actuacións que inclúe o plan e coas que se mellorarán a traída da auga, o saneamento e a depuración de residuais no termo municipal”.

Novo límite de gasto non financeiro para o ano 2014

Tamén coas abstencións dos dous grupos da oposición foi aprobado o novo límite de gasto non financeiro para o ano 2014, que aumenta en preto de 52.000 euros para situarse nos 5.118.982,19 euros.

O cálculo inicial desta magnitude realizárase no pasado mes de decembro sobre unha previsión do peche do exercicio 2013. Agora que dito exercicio xa foi liquidado, a nova cifra foi a proposta polo informe de intervención elaborado en base aos datos reais e definitivos.

Ademais, na sesión deuse conta ao Pleno do decreto da Alcaldía polo que se aprobou a información sobre os marcos orzamentarios a medio prazo nos que se enmarca a elaboración dos orzamentos das entidades locais. O documento establece un marco xeral no cal se prevé elaborar os orzamentos dos próximos anos, variando moi pouco a estimación da evolución dos gastos e ingresos con respecto ás magnitudes actuais e sendo, en todo caso, situacións nas que non se produciría déficit.

José Manuel López Varela afirmou que ambas cuestións son “temas meramente técnicos que é preciso cumprir para axustarse á lexislación vixente”.

26 de marzo de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.