Aposta da Xunta pola igualdade en todos os ámbitos de actuación con políticas específicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+
López Abella nas IX Xornadas de Formación Educación, Xénero e Igualdade. Foto: X. Crespo

López Abella nas IX Xornadas de Formación Educación, Xénero e Igualdade. Foto: X. Crespo

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou hoxe que o Goberno galego aposta por seguir integrando a igualdade en todos os ámbitos, garantindo actuacións individualizadas a través de organismos que xeren políticas específicas e vixíen o axeitado cumprimento da transversalidade.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella inaugurou as IX Xornadas de Formación Educación, Xénero e Igualdade, na Facultade de Psicoloxía, que deron comezo cas problemáticas diversas ao redor das políticas públicas de Igualdade de Xénero e Educación.

Segundo destacou a titular de Igualdade, as políticas de igualdade son un conxunto de medidas e estratexias correctoras destinadas a combater a desigualdade entre homes e mulleres e orientadas a construír un novo modelo social de carácter igualitario. Para conseguir os seus obxectivos, as políticas de igualdade dispoñen dunha serie de ferramentas e estratexias de carácter práctico, tales como as accións positivas ou a discriminación positiva.

O VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes, e o Plan Estratéxico de Igualdade de oportunidades 2014-2016 desenvolven políticas públicas que van afectar ao conxunto da poboación, e a súa capacidade de incidencia é moi ampla. Teñen, por tanto, a obriga ética de ser referente e exemplo de boas prácticas

Hoxe en día, as políticas de igualdade tenden a desenvolverse a través do denominado “dobre enfoque”, que simultánea a aplicación da transversalidade coas medidas específicas de xénero desenvolvidas por organismos tamén específicos. Trátase de dúas estratexias de carácter complementario que perseguen un mesmo obxectivo: a igualdade de xénero.As políticas de igualdade introduciron tamén a transversalidade como ferramenta práctica en todos os seus ámbitos de actuación, integrando sistematicamente a perspectiva de xénero nos diversos eidos da realidade, tanto nos ámbitos públicos coma nos privados.

López Abella destacou o impacto positivo sobre a igualdade de xénero das medidas contempladas na lexislación tales como a intervención e recursos en materia de violencia de xénero, a loita contra as discriminacións directas e indirectas, as cotas de representación, as accións positivas, as medidas de conciliación, os plans de igualdade, os permisos por maternidade, entre outros.

Na inauguración das Xornadas participaron o Reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares; a Vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva e a directora do CIFEX, Rita Mª Radl Philip, entre outros.

20 de marzo de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.