Apertura do prazo para solicitar a participación na XII Feira Medieval de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte fai publicas as bases que rexerán a solicitude de participación na XII Feira Medieval que, por primeira vez, se celebrará durante dúas xornadas, os días  19 e 20 de abril.

Que a Feira se celebre durante dúas xornadas, sábado e domingo, é unha decisión que adoptou a delegación de Cultura despois de ter realizado o ano pasado unha enquisa na que, tanto os vendedores que asisten ó evento como os comerciantes locais, mostraban maioritariamente a súa preferencia pola opción de dous días. Nas enquisas, o 94 % dos comerciantes e o 70 % dos vendedores expresábanse neste sentido, dando consistencia a unha cuestión que viña sendo obxecto de debate dende hai moitos anos.

As bases recollen os pasos a seguir no procedemento de solicitude, comezando pola documentación que se debe achegar e seguindo polas datas de publicación da listaxe de admitidos/as e a maneira de facer efectiva a cota de inscrición.

O documento tamén recolle diversos aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos, a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo ou os horarios de apertura.

Segundo se especifica nas citadas bases, o día  28 de marzo remata o prazo de inscrición e o día 31 do mesmo mes publicarase na páxina web municipal a listaxe de admitidos, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o prezo da inscrición.

O prezo dos postos de artesanía será de 40 €  para os que midan ata 3 metros de longo e de 50 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán pagar 60 €, con independencia da súa medida. Nestes prezos inclúese a participación e a taxa por ocupación de dominio público.

A organización da XII Feira Medieval admitirá tres modalidades de solicitude de postos: alimentación, artesanía, e comercio.

As persoas interesadas en participar deben dirixirse á delegación de Cultura situada na casa do Concello ou chamar ó teléfono 982 40 25 01. Tamén poderán dirixirse á dirección de correo electrónico feiramedieval@concellodemonforte.com.

4 de marzo de 2014 | 15:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.