Apertura do prazo de solicitude para acoller en Ourense a nenos e nenas saharauis durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A iniciativa “Vacacións en Paz”, en funcionamento desde o ano 1996, terá continuidade durante este ano, coa convocatoria dunha nova edición que permitirá a acollida de nenos e nenas saharauis por familias ourensanas durante os meses de xullo e agosto na nosa cidade. Menores saharauis, de entre 8 e 12 anos, viven nos campamentos de refuxiados de Tinduf, no Sahara, nun deserto que en verán se achega a 60 graos de temperatura.

O Concello de Ourense sufragará os gastos de avión e autobús, ao tempo que organizará durante a súa estancia actividades de ocio e tempo libre para reforzar as relacións con outros menores residentes na cidade. Os nenos e as nenas coñecerán unha nova cultura, un novo idioma, novos costumes… algo vetado para eles, tendo en conta a escasez de recursos económicos dos que dispoñen.

Durante a súa estancia, serán revisados a través de exames médicos, incrementando as opcións dun desenvolvemento físico saudable, de vital importancia no contorno de condicións extremas no que viven. Nesta experiencia, melloran a súa saúde e a súa vitalidade, cun clima máis benigno e mellor alimentación, á vez que establecen relacións de amizade con nenos e nenas de Ourense e establecen fortes vínculos coas familias de acollida, que en moitos casos se manteñen co tempo.

As persoas interesadas en acoller, que non teñen por que ser familias con fillos, poden efectuar a súa solicitude de acollida no departamento de Benestar Social -programa de Inmigrantes e Emigrantes retornados-, sito en Bispo Carrascosa, 14-1º desde mañá, 20 de marzo ata o 15 de abril. Os teléfonos de contacto, para máis información: 988381137 e 988381173.

Campamentos de refuxiados en Tinduf

O pouco que teñen as vivendas de Tinduf, no Sahara, procede da axuda internacional. Os nenos e as nenas non saben o que é ter un país, xa que fai máis de 30 anos que as súas familias tiveron que huír das súas terras, o Sahara Occidental, cando tralo abandono español da zona, Marruecos e Mauritania a invadiron e a fixeron súa. Desde entón, malviven en campamentos na rexión arxelina de Tinduf.

A pesar de ter firmada a paz por intermediación da ONU en 1991, e de que Mauritania rexeitara as súas pretensións, Marruecos non cede. Esto quere dicir que, aínda que se vive un plan de conciliación, a realidade é que 200.000 persoas viven no deserto sen case nada, agardando volver ás súas terras.

19 de marzo de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.