Apertura do prazo de inscrición nos campamentos de verán da Xunta
A consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre durante a Campaña de Verán 2014. Mediante a oferta da devandita campaña ofrécese a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre de verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actividades que se realizan noutras comunidades autónomas de España.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo tanto en Galicia como noutras comunidades, en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto. A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.net.
Ademais, as persoas interesadas poden solicitar folletos informativos da convocatoria dirixíndose á OMIX, Oficina Municipal de Información Xuvenil, dependente da concellería mosense de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón, e situada no centro Multiusos das Pozas. Os mozos e mozas interesados en presentar xa a súa solicitude de inscrición nestas actividades poden facelo dirixíndose ó departamento de Rexistro do Concello de Mos.
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos: un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a, aloxamento en albergue, residencia ou campamento xuvenís, manutención en réxime de pensión completa, o material necesario para a actividade, un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes; e, nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas, inclúese o transporte dende Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno novamente ata Santiago. A incorporación aos campamentos e albergues de Galicia será por conta da persoa interesada o día de inicio da quenda correspondente, entre as 16.00 e as 19.00 horas.
Estes campamentos van dirixidos a mozos e mozas de idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos, ambas incluídas, e as súas solicitudes de inscrición deberanas asinar os/as pais/nais ou titores/as dos/as menores solicitantes.
O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe, 27 de marzo, e rematará o vindeiro 10 de abril. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e confeccionará a correspondente lista de admitidos/as para cada quenda e actividade. O resultado do sorteo publicarase na páxina web www.xuventude.net, onde se exporá a lista de admitidos/as a partir do día seguinte ao do sorteo.
Os membros de familia numerosa terán un desconto do 50% sobre os prezos. As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25% sobre os prezos.











