Antía Otero e Sergej Timofejev protagonizan a vindeira cita do ciclo Poetas Di(n)versos
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o mañá, luns 17 de marzo, o Centro Ágora acolle a sexta cita da última edición do ciclo Poetas Di(n)versos, a programación poética que reúne a autores galegos e estranxeiros unha vez ao mes e que, nesta ocasión, protagonizarán os creadores Antía Otero (A Estrada, 1982) e Sergej Timofejev (Riga, 1970).
Nesta ocasión, a lingua convidada será por primeira vez o ruso, idioma no que se expresa o poeta, DJ, tradutor e xornalista letón Timorev, que actuará cun dos nomes da modernidade poética galega: Antía Otero. Para os dous creadores, a poesía é capaz de establecer diálogos enormemente ricos con outras linguaxes moi presentes na sociedade contemporánea, en especial o audiovisual. Así, esta sesión fusionará a lectura de versos con recursos sonoros e videocreación.
O ciclo, que se desenvolverá ás 20.30 horas na Ágora e que está dirixido por Yolanda Castaño, ofrecerá a posibilidade de adquirir exemplares das obras dos invitados.
Sergej Timofejev é un pioneiro da videopoesía en ruso, autor de catro libros de poesía publicados en Letonia e outro tres en Rusia. Os seus poemas traducíronse a máis de dez idiomas incluíndo o galego. Sendo un dos poetas máis audaces e innovadores do Báltico, experimentou coa poesía relacionándoa coa música, o vídeo ou os videoxogos. O autor interpretará os seus textos orixinais seguidos da tradución dos mesmos por Yolanda Castaño.
Pola súa banda, Antía Otero, licenciada en Historia da arte Contemporáneo e con varios máster en práctica escénica, cultura visual e estética do cine, é a actual vicepresidenta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Con anos de experiencia impartindo talleres poéticos e tres títulos ás súas costas, traballa na fusión da poesía coa música, vídeo e performance, xa sexa soa ou en colaboración con outros artistas.











