Animais e personaxes imaxinarios protagonizan os Obradoiros Infantís de Entroido en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Os cativos do municipio de Mos confeccionan este ano os seus propios disfraces a man nun taller organizado polo Concello.

Un total de 22 nenos e nenas participaron nos Obradoiros Infantís de Entroido, organizados pola concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón e que están dirixidos ós nenos e nenas mosenses con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os pequenos/as foron divididos por idades en dous grupos de 11 participantes cada un.

O grupo dos maiores, somerxidos nun mundo ficticio, confeccionou disfraces caseiros de piratas e princesas, e os pequenos, máis lonxe da fantasía, disfrazáronse de coellos e elefantes entre moita diversión e xogos.

Os obradoiros, totalmente gratuítos para os seus 22 beneficiarios, comezaron onte, día luns 3 de marzo, e rematarán mañá, mércores 5. Esta actividade estase a levar a cabo no Multiusos de Mos, en horario de 10.00 horas a 12.00 horas.

Esta iniciativa está a demostrar unha vez máis o grande éxito que suscita entre os máis cativos, que celebran o Entroido con moita ilusión e aproveitan para participar no obradoiro mentres xogan cos seus compañeiros/as.

Dada a dispersión xeográfica deste Concello, dende a concellería de Educación e Participación Cidadá mosense quixéronse ofrecer os recursos necesarios para aproveitar dita data e xuntar ós máis pequenos a través de talleres lúdicos favorecendo así a participación mutua entre os cativos/as.

O obxectivo primordial é que os máis pequenos aprendan á par que se divirten en compañía de outros rapaces do Concello. Outra das finalidades desta actividade é facilitar a conciliación da vida laboral coa vida familiar ao mesmo tempo que se ofrece unha alternativa de ocio e tempo libre para os nenos/as celebrando o Entroido; e por outro lado, que os máis cativos/as do municipio, se somerxan durante os tres días que dura a festividade no mundo do Entroido, a súa orixe, a finalidade desta celebración, as diferenzas culturais, etc., nun ambiente de xogo, en compaña doutros menores do municipio.

4 de marzo de 2014 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.