Alumnos da Escola Municipal de Música Magariños de Brión ofrecen un concerto de piano e de guitarra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños de Brión ofrecerán mañá venres 28 de marzo a última sesión dos “Venres musicais”, unha nova iniciativa musical organizada para conmemorar o décimo aniversario do centro brionés. Así, a sala municipal de exposicións de Brión acollerá a partir das 20:30 horas un recital de piano e de guitarra protagonizado polos alumnos e alumnas da escola. A entrada é libre e de balde ata encher aforo, cousa que xa aconteceu nos anteriores “Venres musicais”.

A próxima cita musical dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños será o IV Festival de Música de Cámara FECAM 2014, que terá lugar o venres 11 de abril, ás 20:30 horas, no salón de actos do centro social polivalente de Pedrouzos. Con estas actividades, a escola brionesa está a celebrar o décimo aniversario da entrada en funcionamento do Plan Educativo de Ensinanzas Musicais (PEEM). Na actualidade conta cunha matrícula anual de máis de 180 alumnos e alumnas nas distintas especialidades ofertadas, cunha formación dirixida a nenos que van dende os 3 anos de idade ata adultos sen límite de idade.

27 de marzo de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.