Agustín Hernández asina a orde de aprobación definitiva do PXOM de Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBurelaLocal Portada
A-
A+
Hernández asina a aprobación do PXOM de Burela

Hernández asina a aprobación do PXOM de Burela

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Burela, nun acto celebrado na casa consistorial no que estivo acompañado polo alcalde, José González Barcia, e pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas. Deste xeito, Burela convértese no décimo segundo concello da provincia de Lugo e número 74 de Galicia en dispoñer dun PXOM adaptado á Lei do solo.

O conselleiro sinalou que se trata dun día histórico para este concello, que por vez primeira dispón dun plan Xeral de ordenación municipal, que ven a substituír ás normas subsidiarias provincias que rexían o planeamento desde 1988.

Na súa intervención realizou un repaso polos puntos mais destacados do PXOM, entre os que salientou que máis da metade da superficie do concello (4,8 Km2, o 62%) está recoñecida como solo rústico protexido. A maior parte do mesmo é espazo natural, como é o caso do ámbito Montes de Buio e Cabaleiro.

Adaptado ao Plan do Litoral

Destacou tamén o estudo da fachada marítima realizado nos traballos deste plan e que asumiu os criterios do Plan de Ordenación do Litoral. Concretamente, a delimitación da zona histórica como núcleo de identidade do litoral, un recoñecemento que obriga a conservar as vivendas tradicionais da costa, realizouse segundo as directrices do POL.

Tamén recolle o espazo de interese paisaxístico de Monte Castelo, así como as áreas de protección de ladeira (Monte Puída, Monte Rañadoira e Pena Rama, e a proposta de delimitación da senda dos faros que propón o POL: preto de 7 Km desde o Cantiño ata a Praia da Marosa.

O PXOM integra ademais as próximas infraestruturas viarias programadas, como o acceso ao porto de Burela que, segundo anunciou Hernández, licitarase nos vindeiros meses por parte da Xunta e que suporá un investimento de máis de 7 millóns de euros.

Solo urbano

No que respecta a solo urbano (23% da superficie), pola propia configuración de Burela ao carón da antiga estrada nacional, o PXOM dispón dun único núcleo urbano ónde se asenta a totalidade da poboación.

O Plan establece, así mesmo, 19 polígonos de solo urbano non consolidado para uso residencial co obxectivo de completar a trama urbana existente. Estima unha capacidade residencial total de 10.381 vivendas no concello, das que unhas 2.600 serían novas, na súa meirande parte en solo urbano consolidado.

Con respecto ás dotacións, prevé preto de 350.000 m2 para espazos verdes, un 12% máis do esixido por lei, e preto de 290.000 m2 para equipamento comunitario, o que supón case o triplo do legalmente establecido.

O conselleiro asegurou que se trata “dun traballo serio e rigoroso que marcará a folla de ruta do desenvolvemento deste concello nos vindeiros 30 anos”, que ademais contou cunha subvención do Goberno autonómico de preto de 120.000 euros para a súa redacción.

31 de marzo de 2014 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.