Agustín Fernández ve “terrorismo político” en que se leve ao penal “un tema administrativo e persoal”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Ourense, o socialista Agustín Fernández, cualificou de “terrorismo político” a actuación do PP ao levar á vía do penal “un tema administrativo e persoal”, en relación ao rexistro en Fiscalía dunha denuncia e documentación relativas á urbanización da rúa na que vive o rexedor con cargo a fondos públicos do Plan E.

En rolda de prensa, a concelleiro de Urbanismo, Áurea Soto, detallou o procedemento administrativo que seguiu a construción da vivenda do actual rexedor, dende que pediu licenza de ocupación e de urbanización en 1991. Pola súa banda, o alcalde, visiblemente molesto, preguntouse: “¿Por que tería que absterme na Xunta de Goberno que aprobou a urbanización con fondos públicos dunha rúa na que vivimos máis de 20 veciños?”.

Ao respecto, argumentou que se o PP dá por feito que debe ser así, tería que absterse tamén “en todas as Xuntas de Goberno que decidan sobre o Plan Xeral urbanístico ou sobre o lixo” por ser en todos eses temas parte implicada, “como calquera veciño da cidade”.

“Non existe responsabilidade penal; o que conta o PP é mentira e acoso político”, reprobou, unha hora despois de que o PP explicase en rolda de prensa que rexistrou en Fiscalía unha denuncia por posibles delitos de prevaricación, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos.

20 de marzo de 2014 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.