AFAL promove un novo Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
E.P.

Tras o éxito de participación rexistrado en convocatorias anteriores, AFAL Ferrolterra promoverá nas próximas semanas unha nova edición do Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Unha acción formativa recoñecida de interese sociosanitario polo Sergas e acreditada pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Segundo explicou a presidenta da entidade, Milagres Prieto, o seu obxectivo é dotar aos coidadores da información, os coñecementos e as habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel.

Así mesmo, sinala que busca mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios. Así, as persoas interesadas en anotarse nesta acción formativa poderán facelo desde o vindeiro venres, 7 de marzo, na sede da asociación en Ferrol, na rúa Río Castro, 4345 baixo, ou solicitar máis información no teléfono 981 370 692. O prazo permanecerá aberto até o próximo día 20 e o custo da actividade é de 30 euros para os socios da entidade e de 50 para os que non o sexan. Prezo que, en ambos os casos, inclúe a participación nos dous módulos nos que se estrutura o curso.

Organizado por AFAL Ferrolterra, o curso estará impartido por un equipo multidisciplinar integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Rita Touza (psicóloga), Alba Romeu (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Iria Abad (traballadora social), Jesús Vitoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira). De 30 horas de duración, está estruturado en dous módulos formativos entre o 31 de marzo e o 11 de abril. Nun e outro caso, as clases desenvolveranse na sede da asociación, en horario de tarde (de 16 a 19 horas). No mesmo trataranse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso. As prazas están limitadas a 25.

3 de marzo de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.