AFAL organiza un curso formativo para familiares dos usuarios dos seus Centros de Día
Uns corenta familiares dos usuarios dos Centros de Día Terapéuticos de AFAL Ferrolterra participaron esta tarde no primeiro curso formativo do ano organizado pola asociación nas súas instalacións da rúa Río Castro, en Ferrol. Un curso formado por dúas charlas básicas para profundar na doenza e, tamén, na atención ao enfermo. Precisamente, a neuróloga Mercedes Macías foi a encargada de impartir hoxe a primeira das charlas, expondo na mesma os diferentes tipos de demencias e as características de cada unha delas.
Mañá martes, a enfermeira e psicóloga Araceli Prieto completará o curso cunha segunda charla centrada nos coidados diarios que require un enfermo con demencia.
Por outra banda, AFAL Ferrolterra anuncia que aínda quedan prazas vacantes para participar no Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Unha acción formativa recoñecida de interese sociosanitario polo Sergas e acreditada pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. Os interesados en participar poden anotarse nas instalacións da antiga Casa do Mar ou solicitar máis información no teléfono 981 35 72 22.











