Adxudicadas as obras para habilitar como espazo cuberto para actividades infantís un dos locais da praza de España
O Concello de Ferrol destinará a espazo cuberto para actividades infantís de tempo libre, lúdicas e formativas o edificio de planta baixa da praza de España situado máis próximo á área de xogos. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación á empresa Prace. Servicios y Obras S.A. os traballos de acondicionamento deste inmoble por un importe de 162.802,35 euros (21% de IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses, a contar a partir da firma do contrato e da acta de reformulo.
O proxecto de acondicionamento deste local sen uso contempla, en primeiro lugar, a limpeza do interior. Tamén se realizará unha nova distribución máis axeitada para o destino que terá. As obras non afectarán ao aspecto exterior do edificio, agás na modificación do acceso e a execución dunha rampla que permita o cumprimento da normativa de accesibilidade. Este novo espazo cuberto de tempo libre para a infancia, que axudará a dinamizar a praza de España, disporá de dúas aulas –de 52,90 e 51,40 metros cadrados cada unha delas-, zona para aseos e unha oficina. En total a superficie construída será de 117,30 metros cadrados.
Por outra banda, cómpre lembrar que o outro edificio de planta baixa tamén baleiro que existe na praza de España –o situado máis próximo á Biblioteca Municipal Central- destinarase a Oficina de Turismo.











