Actividades de voluntariado xuvenil en Piñor
O Concello de Piñor informa da posta en marcha das actividades do Servizo de Voluntariado Xuvenil 2014. O voluntariado é a unha alternativa formal que temos as persoas para axudar ós demais en necesidades reais. Tendo en conta a situación socioeconómica actual que leva a que os colectivos en risco de exclusión social estean no seu peor momento, o ámbito do voluntariado social cobra especial relevancia.
Dende o ano 2011, o Concello de Piñor desenvolve programas de voluntariado destinados á mocidade co obxectivo de implicala na realidade da súa poboación, contando co apoio e financiamento da Consellería de Traballo e Benestar. Este cuarto ano, desenvolverase o proxecto INTEGRA II, destinado á loita contra a exclusión social e constituído por actividades para axudar a colectivos específicos:
–CONCILIA-T: Coidado dos fill@s de mulleres que se están a formar no Programa Clara do Concello de Piñor, para previr o abandono desta iniciativa formativa e permitir así a mellora da súa empregabilidade. O Programa Clara está financiado polo Fondo Social Europeo e polo Instituto da Muller, e a súa finalidade é formar persoal e laboralmente á mulleres en situación de desemprego para acadar a súa inserción laboral. No persoal voluntario valorarase a formación en educación infantil ou a experiencia en coidado de cativos.
–BUSCAREDE: Punto de acceso a internet para axudar ás persoas en situación de desemprego na procura de emprego (alta en portales web de emprego, solicitude de cita no INEM, elaboración de CV, envío de CV a empresas….). A persoa poderá levar o seu portátil ou tablet. A sala está equipada. Requírese que o persoal voluntario teña un bo manexo e coñecemento de internet.
–LER&LECER: Atención da Sala de lectura (aberta ó público xeral), destinada a fomentar a lectura e a nosa cultura entre a poboación inmigrante, e facilitar un espazo de traballo para mellorar a formación da mocidade (consulta de material da sala, tranquilidade para realizar traballos, lectura de libros propios ou os existentes na sala….).
Dende o Concello de Piñor animamos á mocidade a que participe nas actividades que máis lles motiven, tendo en conta que como labor voluntaria que é poderán dedicar o tempo que podan e consideren oportuno, pois é o voluntario/a o que decide como, cando e canto tempo colaborar e axudar ós demais. Ademais, o persoal voluntario recibirá dietas por desprazamento e un certificado da Xunta de Galicia.
As diferentes actividades poñeranse en marcha a medida que se incorpore o persoal de voluntariado.
Para máis información e inscrición contactar cos Servizos Sociais muninipais.