Acordo da Corporación local da Coruña para apoiar unha solución aos residentes do Ofimático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, expresou a súa satisfacción polo acordo alcanzado esta mañá polo catro grupos da Corporación municipal co obxectivo de apoiar unha solución aos residentes do Ofimático. Tal e como explicou o concelleiro redactouse un documento co visto e prace dos presentes e consensuado polo catro grupos políticos do que se deu traslado aos representantes dos cooperativistas -que xa manifestaron o seu apoio- e reacollidos presentes na reunión, co obxectivo de que o revisen coas persoas que non puideron acudir e nun prazo dunhas horas confirmen a súa postura.

Fernández Prado destacou a vontade de toda a Corporación municipal tanto de executar o Parque Ofimático como de tratar de buscar unha solución aos residentes actuais. Neste sentido, o acordo permite, entre todos, abrir unha nova vía para atopar solucións legais aos residentes: “Supón un avance e dar un paso máis na solución a este problema herdado que, como equipo de goberno, tocounos solucionar”, asegurou Fernández Prado, quen celebrou que os grupos da oposición accedesen, tras varias reunións, a sentar nunha mesma mesa co Goberno e os afectados.

“Cando un senta na mesa e mira directamente á cara á xente favorece este clima para alcanzar acordos. Por iso estabamos empeñados en realizar este encontro, aínda que sexa á terceira ou á cuarta. O Goberno local, desde o primeiro momento, quería abrir este campo e por iso buscamos un informe externo que permitise ampliar as posibilidades. Un informe que, no seu día, xa contou co visto e prace expreso dos residentes”, lembrou Fernández Prado, quen engadiu que lle gustou que este proceso de negociación para alcanzar un consenso político fose máis curto: “Espero que este apoio continúe nas próximas semanas e meses, durante a súa resolución”.

O concelleiro aclarou que cada un dos casos das persoas afectadas é distinto, polo que a partir de agora haberá que, desde unha solución global e conxunta, buscar solucións concretas para cada caso, e abrirase unha segunda fase de negociación cunha tramitación a medio prazo que contará con total garantía xurídica. Ademais, avanzou, o Goberno local traballa intensamente, e de forma paralela, coas persoas que contan con ordes de desaloxo para tratar de buscar unha solución a este problema de residencia inminente.

25 de marzo de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.