Aberto o prazo para solicitar cita previa na unidade móbil da ITV para turismos en Cedeira
A unidade móbil da ITV para turismos visitará Cedeira no mes de maio. E, por isto, o Concello informa aos veciños e veciñas interesados en acceder a este servizo que xa poden solicitar cita previa para realizar a revisión periódica dos seus vehículos na propia vila, evitando así ter que desprazarse ata Ferrol. Tan só deben chamar ao teléfono 902 30 90 00 ou entrar na páxina web www.sycity.com (apartado cita previa) e concretar o horario. A medida é posible grazas ás xestións do Concello, que solicitou á ITV que desprazase unha das súas unidades móbiles a Cedeira para facilitar as inspeccións. En base a esta relación de colaboración, os veciños xa puideron acceder ao servizo o pasado ano.
A próxima cita terá lugar os días 8 e 9 de maio. Ubicaráse no Camiño Real da Magdalena, fronte aos restaurantes A Revolta e O Areal. Un espazo de sinxelo acceso e gran mobilidade ubicado en pleno paseo marítimo da vila. Na xornada do 8 de maio, o horario será de mañá e tarde (de 9 a 13,30 horas e de 15,15 a 18 horas), namentras que o 9 de maio, limitaráse á mañá, de 9 a 13,30 horas. Os vehículos que poderán beneficiarse da medida serán aqueles con masa menor ou igual a 3.500 kilogramos. Isto é, turismos, quads e coches que non precisan carnet para a súa conducción. Precisamente, a medida será especialmente ventaxosa para estes últimos.











