Aberto o prazo de inscrición nos concursos de Traxes Medievais e de Decoración de Establecementos en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte pón en marcha tres concursos destinados a promover a XII Feira Medieval entre a veciñanza e os establecementos comerciais da cidade.

Por unha banda, o Concello convoca o III concurso de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos do primeiro día de celebración da XII Feira Medieval, o día 19 de abril de 2014.

O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os/as participantes inscritos/as, e así incentivar á cidadanía e ós/ás visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

As modalidades do concurso de Traxes son individual, parellas e grupos (a partir de 5 compoñentes) nas categorías de adultos e infantil (ata 12 anos). O diñeiro que o Concello destina a premios é de 875 € para a categoría de adultos e de 550 € para a infantil, premios que se entregarán en vales de compra no comercio local.

Por outra banda, convócase o I concurso de decoración de establecementos Comerciais, procurando ampliar a ambientación medieval a outras actividades e a outras zonas da cidade que quedan fóra do ámbito da propia Feira. O Concello destina 600 € para premiar os tres mellores establecementos.

Para participar nestes dous concursos é necesario inscribirse oficialmente. As solicitudes de inscrición, que poden atopalas na web www.monfortedelemos.es (na área de cultura ou no “banner” dedicado á Feira Medieval)  presentaranse no Rexistro Xeral do concello de Monforte desde o día 1 ata o día 15 de abril. No caso do concurso de Traxes Medievais tamén poderán inscribirse o propio día 19 de abril no punto de información habilitado na Praza de España en horario de 11:00 a 13:00h.

Por último, outra das novidades deste ano é o I concurso de axudas para Confeccionar o Traxe Medieval. Trátase dun concurso radiofónico, que se desenvolverá entre o 31 de marzo e o 9 de abril, no que se poderá conseguir unha axuda económica de 40 € destinada a mercar ou confeccionar o traxe medieval. Este concurso realízase en colaboración con cinco comercios locais que venden teas e traxes medievais, establecementos nos que se farán efectivos os vales que se entregarán as persoas gañadoras do concurso.

O Concello destina un máximo de 2.400 € para este concurso e estableceu fórmulas de control para confirmar que se leva a cabo a confección ou compra dos traxes e que son utilizados na Feira Medieval.

31 de marzo de 2014 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.