A XXI Mostra da Oportunidade de Ourense, plataforma de liquidación de stocks para o comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+
Presentación da Mostra de Oportunidades

Presentación da Mostra de Oportunidades

A Mostra da Oportunidade chega a súa 21ª edición ofrecendo os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos que converterán a Expourense, entre o venres 7 e o domingo 9 de marzo, nun gran centro comercial no que participarán un total de 91 expositores, o que supón que mantén a mesma cifra que na edición anterior.

A Mostra da Oportunidade foi presentada esta mañá en Expourense nun acto onde estiveron presentes o presidente do comité organizador da Mostra e vicepresidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, o presidente do CCA Couto, Julio Prol, o presidente do CCA Ourense Centro, Luis Rivera, o secretario da Federación de Comercio de Ourense, José Ramón García, e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Todos eles destacaron que o comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia e que citas como a Mostra contribúen a dinamizar as vendas e a captar novos clientes fora da súa área habitual. De feito, preto do 80% dos expositores desta edición son de Ourense.

Preséntase así unha feira con 8.000 metros cadrados onde os expositores ofrecerán os prezos máis competitivos nunha ducia de sectores. O téxtil volverá ser o sector con maior representación nesta cita, sumando preto do 40% dos expositores entre moda, calzado, pel, bixutería e complementos. O fogar, con amplo surtido en mobles, decoración ou menaxe ocupa o segundo lugar seguido pola xardinaría, xa que varias empresas ofrecerán todo o necesario para esta parte da casa, dende a maquinaria ata as propias prantas, xa que participará, entre outras empresas, un viveiro. Ademais, poderán atoparse os mellores prezos en cosmética e estética. Tamén estarán representados outros sectores coma a alimentación, librería, lecer, etc.

Centros comerciais

Expourense, en colaboración co asociacionismo, puxo en marcha unha acción que favoreceu a participación agrupada das empresas. A Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, contará coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as rebaixas de inverno. Estarán presentes as asociacións de Ourense Centro, do Couto, a Asociación de Comerciantes de Allariz e tamén a de Empresarios e Comerciantes de Maceda, que acode por vez primeira. Os establecementos asociados contarán cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, alimentación, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que agarda recibir a Mostra da Oportunidade.

30% de desconto en RENFE

Aqueles que se decidan a visitar Ourense en tren para acudir á Mostra da Oportunidade, entre o 7 e o 9 de marzo, poden beneficiarse dun 30% de desconto en todas as liñas de RENFE, AVANT incluído. Para obter este desconto é preciso presentar o bono que se pode descargar na páxina web de Expourense, www.expourense.org, na sección adicada a esta cita.

Por outra parte, o público que acoda á Mostra terá a opción de, nunha mesma visita, con comodidade e sen apenas desprazarse, elixir entre moitas propostas de produtos a prezos especiais e, ademais, atopar artigos que non sempre están presentes nas canles habituais de venda.

Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira. A Mostra ofrece ademais cun amplo aparcamento gratuíto e un área de lecer infantil destinada a gozar dunha xornada de compras en familia. Para premiar a fidelidade do público haberá realizaranse ademais sorteos de estancias en balnearios.

3 de marzo de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.