A Xunta sorteará entre os seus adxudicatarios 28 vivendas de promoción pública construídas no polígono de Bertón a primeira quincena de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Instituto Galego da Vivenda e Solo sorteará na primeira quincena de abril entre os seus adxudicatarios 28 vivendas de promoción pública construídas no polígono do Bertón, no Concello de Ferrol. Con este sorteo cada vivenda queda asignada a un adxudicatario concreto, de maneira que o IGVS pode realizar os correspondentes estudos económicos para comunicar a cada adxudicatario o prezo a pagar pola súa vivenda, prezo que depende da superficie da mesma e das condicións económicas familiares.

As vivendas adxudicáronse en réxime de arrendamento e de compravenda, tendo en conta a situación económica e familiar de cada beneficiario. A renda mensual do arrendamento oscilará entre 180 euros e 263, sen ter en conta as posibles deducións que puideran corresponder en función dos ingresos acreditados. Do mesmo xeito, no caso da compravenda, os prezos van desde os 72.000 aos 105.000 euros.

As condicións, prezo e instrucións sobre os trámites a realizar por cada adxudicatario antes da entrega das chaves comunicaranse dende o departamento autonómico, de forma individualizada, a cada un deles.

Estas vivendas, nas que o departamento autonómico investiu 2,9 millóns de euros, atópanse distribuídas en dous bloques formados por dous sotos, andar baixo e catro andares superiores. Destas, 22 son de tres dormitorios, outras cinco teñen dous dormitorios e unha, catro dormitorios. Ademais, dispoñen de cociña, estar-comedor, tendedeira, baños, unha praza de garaxe e un rocho.

29 de marzo de 2014 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.