A Xunta destinará máis de 14,6 millóns de euros ao servizo de axuda no fogar dos concellos da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, anunciou hoxe que ao longo do vindeiro mes de abril a Consellería de Traballo e Benestar abonará o primeiro pago do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia. Neste 2014, a previsión do departamento autonómico é que os concellos da provincia da Coruña reciban máis de 14,6 millóns de euros para facer fronte a esta prestación. O investimento en toda a comunidade superará os 37,7 millóns de euros. Respecto ao 2013, as transferencias de financiamento poderán incrementarse nun 6,1% con relación ao ano 2012 de chegarse a prestar efectivamente todas as horas asignadas, chegando ata o 6,5% no caso da Coruña.

Do total de persoas beneficiarias deste servizo en Galicia, arredor de 2.680 pertencen aos municipios coruñeses, que recibirán máis de 1,5 millóns de horas de atención subvencionada –en torno a 4 millóns nas catro provincias-. Trátase dunha estimación realizada pola consellería partindo dos datos de peche do 2013, pois ao longo do exercicio os concellos deciden, segundo unha lista priorizada por graos de dependencia, como asignan as horas que lles foron adxudicadas desde o Goberno galego.

O programa de asignación de recursos da Xunta outorga aos servizos sociais municipais autonomía para xestionar as altas e baixas da lista de dependentes do seu concello, que poden realizar coa máxima axilidade. As transferencias económicas desde a Administración autonómica realízanse trimestralmente, mentres que antes eran tramitadas anualmente.

Arredor de 220.000 horas de atención subvencionada na cidade da Coruña

Do Campo aproveitou para aportar estas cifras no transcurso dunha reunión de traballo que mantivo esta mañá co concelleiro de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, a quen recibiu no seu despacho para coñecer de primeira man as necesidades detectadas na cidade en canto a esta prestación e co fin de mellorar a calidade da atención que se ofrece aos usuarios. A nivel municipal, a achega de Traballo e Benestar este ano será de arredor de 2,2 millóns de euros para a prestación dunhas 220.000 horas de atención.

A máxima representante do Executivo autonómico na provincia destacou o labor dos departamentos de servizos sociais municipais e dos traballadores e traballadoras sociais de cada concello, pois “son o punto de referencia dos usuarios, os profesionais que reciben e fan seguimento dos casos e que están sempre en contacto cos beneficiarios e facilitando a xestión dos procedementos, especialmente no ámbito da dependencia”.

Na mesma liña, reiteroulle ao edil coruñés a vontade de seguir estreitando a coordinación entre a administración autonómica e a local, algo que se ven facendo principalmente a través dunha aplicación informática que permite á Xunta e aos concellos estar permanentemente conectados e que, desde a súa posta en marcha, se veu traducindo en notables avances na calidade do servizo.

26 de marzo de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.