A xunta de goberno da Laracha adxudica a obra de mellora da estrada que comunica a AC-400 co Refoxo
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou adxudicar a obra de mellora da estrada que comunica a vía autonómica AC-400 cos núcleos de O Refoxo, Pereiro e Mantiñán, todos eles pertencentes á parroquia de Soandres.
A actuación, valorada nuns 91.000 euros, contempla a nova pavimentación desta vía en aglomerado asfáltico en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical, mellorándose, así, a seguridade viaria e as comunicacións rodadas na zona surleste do Concello da Laracha, facilitando os accesos cara os citados núcleos rurais da parroquia e Soandres e afectando, así mesmo, á estrada AC-400, que finaliza na localidade de Muros e que, por tanto, tamén é unha vía principal de acceso cara municipios das bisbarras de Fisterra, Xallas, Terras de Soneira e mesmo cara Santiago de Compostela.
Esta obra será cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao estar incluído no plan PDR Galicia 2007-2013.
Limpeza de praias
Acordouse solicitar a participación do Concello da Laracha na convocatoria da Deputación Coruña referida ao programa de limpeza de praias para a próxima campaña de verán (BOP número 37 do 14 de febreiro de 2014).
O Concello da Laracha solicita a colaboración económica do ente provincial a través deste programa para contratar persoal durante os meses de xullo, agosto e setembro cuxo cometido sería manter en perfecto estado de limpeza a praia de Caión e a súa contorna.
Facturas
Por último, foron aprobadas facturas e certificacións de obras por un importe duns 58.000 euros. Salientar o pagamento da prestación do servizo de axuda no fogar correspondente ao mes de febreiro e a execución dos proxectos de mellora do camiño entre Campo Medado e O Corgo e a creación dunha nova área de estacionamento público de vehículos no Igrexario de Lendo.











