publicidade hoxe

A Xunta aumentou nun terzo o investimento para o servizo en axuda no fogar na zona sur de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia aumentou en preto dun terzo o seu investimento nas achegas para axuda no fogar nos concellos da zona sur de Lugo (comarcas de Chantada, Terra de Lemos e Quiroga) dende o ano 2011.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, fixo fincapé neste dato no día de hoxe en Bóveda, onde foi a encargada de inaugurar unhas xornadas de actualización dirixidas ao persoal dos servizos sociais municipais que traballa no programa de dependencia en coordinación coa Consellería de Traballo e Benestar.

Arias afirmou que, ao longo do exercicio 2013, a Xunta distribuíu entre os concellos da zona 1.513.807 euros para atender ao servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, isto é, 327.619 euros máis que no 2011.

Igualmente, medrou nun 24% o número de horas de atención subvencionadas na comarca. A Consellería de Traballo e Benestar adxudica a cada municipio un número determinado de horas de atención co correspondente investimento, que os servizos municipais asignan aos usuarios segundo unha lista priorizada por graos de dependencia.

Na xornada de actualización que tivo lugar hoxe en Bóveda participaron preto dunha vintena de traballadores sociais e persoal adscrito a este servizo dos concellos das tres comarcas que compoñen a zona sur lucense. Todos eles reciben as ensinanzas impartidas por técnicos informáticos e persoal do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Delegación Territorial de Lugo.

A delegada destacou o labor dos traballadores e traballadoras sociais dos concellos, que son “o punto de referencia dos usuarios, os profesionais que reciben e fan seguimento dos casos, e que están sempre en contacto con beneficiarios e facilitando a xestión dos procedementos en todos os ámbitos dos servizos sociais, e moi especialmente no da dependencia”.

Unha aplicación informática permite á Xunta e aos concellos estar permanentemente coordinados. A Consellería de Traballo realizou en xaneiro do 2012 importantes melloras neste programa, que se traduciron en notables avances na calidade do servizo.

O programa de asignación de recursos outorga aos servizos sociais municipais autonomía para xestionar as altas e baixas da lista do seu concello, que poden realizar coa máxima axilidade. Ademais, reciben as transferencias económicas da Xunta trimestralmente, mentres que antes eran tramitadas anualmente.

O seminario foi organizado para actualizar os coñecementos dos traballadores sociais sobre a xestión do sistema informático de información da atención á dependencia: asignacións de altas e baixas, a creación da nómina ou xestión de incidencias, entre outros contidos.

6 de marzo de 2014 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.