A xornada “Loita pola que soñas” pon en valor as aptitudes das persoas con discapacidade para romper barreiras

Beatriz Mato na xornada “Loita polo que soñas”
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por poñer en valor as aptitudes das persoas con discapacidade e por facer fincapé “na súa extraordinaria capacidade para romper barreiras días tras día”.
Así o expuxo hoxe durante a súa intervención na xornada “Loita pola que soñas”, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e na que tamén participou a deportista Teresa Perales, sobre a que Mato salientou o seu “gran sacrificio, fortaleza mental, positivismo e unha perserverancia digna de admiración”.
A titular do departamento autonómico lembrou que o Goberno galego traballa “decididamente pola integración”. Grazas a este esforzo, puxo en marcha o primeiro Plan de acción integral para as persoas con discapacidade da historia da autonomía galega. Esta ferramenta desenvolveuse entre 2010 e 2013, e contou con 100.000 beneficiarios cada ano, incluíu máis de 300 medidas e acadou case un 100 por cento de cumprimento.
Esta aposta continúa en 2014, xa que neste exercicio as partidas destinadas á discapacidade aumentan un 6 por cento ata superar os 97 millóns de euros.
Con todo, dentro desta liña global, a conselleira quixo salientar dous eixos: a integración laboral deste colectivo e a nova Lei de accesibilidade.
Ao respecto dos primeiros dos puntos, Mato considerou que “non hai mellor ferramenta de integración que o emprego”. Por iso, reforzouse a dotación económica nas partidas destinadas a este fin para as persoas con discapacidade, que aumentan un 8 por cento este ano e sitúanse nos 17,4 millóns de euros.
Por outra banda, recordou que está en fase de debate parlamentario a nova Lei de accesibilidade, que vai actualizar e mellorar a anterior normativa na materia e busca garantir a máxima autonomía dos galegos e galegas.
Por iso, a normativa avanza cara unha “verdadeira accesibilidade universal, un concepto moito máis amplio e actual do que tradicionalmente se ten considerado, e que vai máis alá das barreiras arquitectónicas”. Así, a nova Lei avanzará en eidos como as telecomunicacións, as novas tecnoloxías ou os servizos que se prestan desde as administracións públicas.











