A visita de alumnos do IES de Maceda deu continuidade ao programa Eduemprende Atrévete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O programa EDUEMPRENDE ATRÉVETE, que promove a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tivo hoxe continuidade coa visita de alumnos do IES de Maceda. Nesta actividade participaron un total de 58 estudantes, que estiveron acompañados por varios profesores do centro.

A primeira parte da visita desenvolveuse na aula de Emprendimiento da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, un servizo pioneiro que se estrutura en oito áreas e que permite familiarizarse con diferentes aspectos da actividade empresarial, como as canles de provedores e clientes, a fabricación, os puntos de venda, os recursos humanos, o financiamento, o asociacionismo empresarial e mesmo as relacións entre empresa e Administracións Públicas. Neste espazo, os alumnos do IES de Maceda demostraron as súas habilidades e deixaron constancia do seu carácter emprendedor.

A continuación, os participantes nesta nova xornada do programa EDUEMPRENDE ATRÉVETE foron recibidos polo xerente da empresa Pousada Marrón Glacé, situada na rúa 6 do Polígono de San Cibrao. Nas súas instalacións recibiron explicacións sobre o proceso de transformación da castaña e sobre a diversificación e o carácter innovador desta empresa ourensá na súa permanente procura de valor engadido para un dos produtos que mellor sintetiza a historia, o presente e o futuro da gastronomía desta provincia.

Na actualidade, Pousada Marrón Glacé atópase en pleno proceso de expansión a novos mercados. A firma fundada en 1955 para iniciar a exportación con destino a Brasil, ten hoxe presencia en países tan distantes como Canadá, Arabia Saudita, Australia, China ou Corea do Sur.

O obxectivo do programa que impulsa a Asociación de Empresarios de San Cibrao é estimular o espírito emprendedor entre os escolares ourensáns. Ademais das visitas de alumnos de centros da capital e provincia, as propostas deste ano inclúen a convocatoria do concurso “Atréveche a ter unha idea”, aberto a todos os estudantes que participan neste ciclo de visitas ao Polígono de San Cibrao. Quen opten aos premios terán que expor, nun máximo de dous folios, a súa idea empresarial e remitila á Asociación de Empresarios.

Os traballos serán individuais e o xurado elixirá o tres mellores propostas entre o dez finalistas. Os premios son tres e-book e sete lotes de libros, que se entregarán en xuño, durante o acto de clausura da segunda edición de EDUEMPRENDE ATRÉVETE.

21 de marzo de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.