A VI Carreira Popular de Monforte celebrarase o día 30 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMonforte de Lemos
A-
A+

A VI Carreira Popular Concello de Monforte celebrarase o domingo día 30 de marzo, coa participación de corredores/as de categorías menores e absoluta.

Tralo éxito acadado nas cinco primeiras edicións e no seu afán por promover o deporte popular, o concello de Monforte organiza a sexta edición desta proba atlética.

En Galicia existen un gran número de eventos destas características con moi boa acollida a nivel social, sendo moitos os atletas que aproveitan as fins de semana para participar neste tipo de actividades. Monforte tamén quere converterse nun destino obrigado no que a carreiras populares se refire.

Trátase dunha clara aposta por parte do concello de Monforte polos eventos deportivos de carácter popular, onde todo aquel que o desexe poderá participar sen necesidade de estar federado

Entre os obxectivos que se marca a delegación de Deportes coa celebración desta carreira popular podemos citar tres: promover a afección ó atletismo, lograr a participación do maior número posible de atletas de nivel, e contribuír á potenciación do deporte de base cunha masiva participación dos colexios na actividade.

A proba dividirase en dúas categorías básicas: menores, con saída ás 11:00 h., e adultos, con saída ás 12:00 h.

O circuíto das probas para as categorías menores localizarase na zona da Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure.

O percorrido para a categoría de adultos ten unha lonxitude aproximada de 7.000 m. e consiste en dar 2 voltas a un circuíto urbano que comeza na Compañía e continúa por Paseo de Lugo – rúa Carude – estrada de Sober ata a Escola Taller, onde se fai un xiro de 180 º e se volve pola estrada de Sober dirección San Lázaro – Rúa San Lázaro – Rúa Reboredo – Rúa Dalmiro de la Válgoma – Rúa Escultor Francisco Moure e novamente liña de saída, así ata completar dúas voltas ó percorrido e rematar na liña de meta ubicada na Praza da Compañía.

Na proba absoluta será obrigatoria a utilización do chip de cronometraxe subministrado pola organización excepto para os propietarios de chip amarelo que poderán utilizar o seu.

As inscricións poderán facerse de tres maneiras:

-Presenciais (para as dúas categorías): a partir do luns día 17 de marzo na Oficina  de Deportes do Concello de Monforte, sendo a derradeira data para poder facelo o xoves día 27 de marzo  ás 19:00 h.

 On-line: a través da páxina web www.championchipnorte.com (solo adultos)

-Correo electrónico: lodeco@lodeco.es (solo categorías menores)

Non se aceptarán inscricións por teléfono ou fax.

A Carreira conta coa colaboración de Gadis e Xoiería Camilo, e o patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e do GDR Ribeira Sacra.

A Policía Local efectuará cortes parciais e temporais das rúas segundo as necesidades da carreira e o descorrer da mesma, intentando que a proba atlética interfira na menor medida posible sobre a circulación do tráfico rodado na cidade e garantindo, en todo momento, a seguridade dos atletas participantes.

A edición do ano 2013 rexistrou unha participación de 978 corredores/as entre as categorías menores e absoluta, 211 atletas máis que na edición do ano 2012.

Dende o Concello invítase á cidadanía a presenzar esta importante proba  e a animar a tódolos atletas que tomen parte nela.

En documento adxunto achéganse tódolos datos sobre a VI Carreira Popular e o seu regulamento.

7 de marzo de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.