A soprano Ainhoa Arteta ofrecerá o seu único recital en Galicia no Auditorio de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, anunciou hoxe que a prestixosa soprano Ainhoa Arteta será a primeira gran actuación artística que terá lugar no recentemente aberto Auditorio municipal. Esta gran cantante española dos nosos días dará o seu primeiro concerto en Ferrol, e único programado en Galicia, o vindeiro día 4 de abril. O concerto de Ainhoa Arteta inaugurará o ciclo “Ferrol en clave lírica”, que se completa con outros dous concertos: Juan Jesús Rodriguez (14 de xuño) e Borja Quiza (18 de outubro).

Jose Manuel Rey Varela presentou hoxe este ciclo de lírica acompañado do concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado; e de César Wonenburguer crítico de música e especialista neste xénero que colabora na programación deste programa musical para o Auditorio. O rexedor agradeceu ao edil de Cultura e aos empregados deste departamento municipal, o seu traballo, xa que “nestes momentos difíciles abrimos un gran contenedor cultural con grandes contidos”; e estendeu este agradecemento a César Wonenburguer por contar coa súa colaboración que fai posible traer a mellor lírica ao Auditorio. “Abrimos as portas do Auditorio coas Pepitas, celebración moi arraigada en Ferrol, e o vindeiro venres este magnífico equipamento albergará outro evento que ten relación cun dos eixes claves de actuación do Goberno Municipal como son as políticas sociais: trátase da Gala XX Aniversario da Asociación Teima – Síndrome de Down”, lembrou o alcalde como mostra da “importante tradición musical que temos nesta cidade que tamén é exemplo de apoio aos colectivos que o máis o necesitan”. Neste sentido, Rey Varela insistiu en que “por fin temos a disposición de toda a cidadanía o Auditorio de Ferrol, un gran contenedor cultural cun gran contido, posto que subirán ao seu escenario artistas acostumados a cantar no Teatro Real de Madrid, o Liceo de Barcelona ou a Maestranza de Sevilla, o que coloca ao Auditorio na primeira división”.

Pola súa parte, García Hurado destacou que a programación lírica que hoxe se deu a coñecer “fai que Ferrol sexa a capital da lírica en Galicia, e a uns prezos para cada un dos concertos inferiores aos que habería para estes mesmos concertos en calquera outra cidade”. Así, as entradas para o recital de Ainhoa Arteta do 4 de abril estarán á venda a partir de maña –en internet: www.ferrol.es; ou no despacho do Teatro Jofre- a un prezo de 15 euros. O concerto de Juan Jesús Rodrígue do 14 de xuño custará ao público 12 euros –o artista doará a taquilla a unha ONG centrada na construción de escolas para os nenos/as da India e coa que colabora-; e as entradas para o de Borja Quiza programado para o día 18 de outubro custarán 10 euros.

Figuras internacionais

César Wonenburguer referiuse a que Ferrol é terra de ilustres cantantes, como as soprano Carolina de Cepeda –unha das principais estrelas do antigo Teatro Real de Madrid- ou María Luisa Nache -que chegou a cantar xunto a María Callas na Scala de Milán baixo a batuta do lexendario director norteamericano Leonard Bernstein-. Co ciclo “Ferrol en clave lírica” co que comeza a programación cultural do Auditorio a cidade “recupera a súa longa e célebre tradición lírica con tres concertos excepcionais”, manifestou este especialista no xénero.

Así, Ainhoa Arteta –a cantante lírica española de maior proxección internacional nestes momentos- estará no Auditorio o vindeiro día 4 de abril, no que será o primeiro recital desta prestixiosa soprano en Ferrol. Ainhoa Arteta cantará no Auditorio semanas antes do seu próximo gran compromiso no Teatro Real de Madrid: a estrea da ópera “Los cuentos de Hoffmann” de Offenbach. Tras o seu recente éxito en Italia con “La Tosca” de Puccini, a intérprete estreará en Ferrol –única actuación en Galicia- un recital no que ofrecerá un repaso polo mellor da canción lírica española con acompañamento pianístico.

A segunda cita programada deste ciclo chegará o sábado 14 de xuño coa presenza do barítono Juan Jesús Rodríguez, considerado pola crítica como un dos principais barítonos verdianos da súa xeración. Logo do seu gran éxito no Maggio Musicale Fiorentino con “Il Trovatore”, que xa cantara en Valencia baixo a batuta de Zubin Mehta, o cantante onubense será unha dos principais reclamos da próxima tempada do Teatro Real, onde interpretará “A Traviata” o próximo mes de decembro. Logo do seu aclamada Gala Verdi no pasado Festival de Ópera da Coruña, Juan Jesús Rodríguez debuta agora en Ferrol cunha selección de arias de ópera e zarzuela de Mozart a Moreno Torroba, no que tamén participará a soprano Carolina Gilabert. Rodríguez será o encargado de inaugurar a próxima tempada de ópera en Oviedo, que en setembro abres as súas portas co esixente “Otello” de Verdi.

O ciclo lírico concluirá o sábado 18 de outubro coa presenza dunha nova estrela local, o barítono Borja Quiza. En poucos anos, este artista situouse entre os principais cantantes da nova xeración española, con éxitos tan notables como o galardón ao “Mellor Intérprete de Zarzuela” que lle concederon os Premios Líricos. Logo de rodar a película “Io, Don Giovanni” ás ordes de Carlos Saura, o barítono cantará este papel dentro dunhas semanas en Bélxica. E a próxima tempada regresará ao Liceo de Barcelona para protagonizar “Così fan tutte” de Mozart. Invitado asiduo de grandes teatros como A Fenice de Venecia, Maestranza de Sevilla ou o Liceo barcelonés, Quiza ofrecerá no seu primeiro concerto no auditorio ferrolán un repaso do seu exitosa carreira desde os seus personaxes mozartianos ata as romanzas máis soadas do xénero lírico español

18 de marzo de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.