A selección galega de vela regresa de participar no Campionato de España de Finn, 49er e 470 en Cádiz
Primeira toma de contacto en competición para a Selección Galega de Vela de clases olímpicas con moi boas sensacións e clara liña ascendente en todas as súas categorías.
Na clase 420 Andrés Álvarez e Sergio Rodríguez (LC Vilagarcía) deixaron o pavillón ben alto entre a flota de 420 terminando en 4ª posición entre a competitiva flota. A falta de rodaxe fixo que non puidesen pelexar polo título pero o obxectivo principal desta tempada 2014 é dentro de 1 mes no seu Campionato de España. Estamos seguros que alí pelexarán desde a primeira manga polo título xunto coa tripulación de Adrián Domínguez e Calixto Abalo tamén do LC Vilagarcía.
Na clase 470 disputábase o Campionato Nacional en categoría masculina e feminina con representación galega en ambas. Sofía Toro e Laura Sarasola do RCN A Coruña continúan coa súa progresión ascendente e aínda que os resultados finais non foron os desexados, si asinaron a súa primeira vitoria parcial a nivel internacional. No 470 masculino, Nicolás Rodríguez do RCN Vigo asistiu coa súa nova parella Nahuel Rodríguez do RCN Gran Canaria, e tras soamente tres semanas de adestramentos en Vilagarcía e Cádiz demostraron que teñen un magnífico potencial de face a futuras citas. Vimos unha clara progresión día a día, empezando a asomar a proa entre as tripulacións do Equipo Preolímpico Español 2014 nos 2 últimos días de competición.
Na clase Finn, Miguel Fernández do CM Oza clasifícase de 12º entre 26 finistas mostrando unha clara mellora no seu rendemento comparado cos 2 membros do Equipo Nacional. Terceiro caixón do podio para Miguel e Título Nacional Master para Antonio Parra do RCN A Coruña.
En canto á clase 49er, a tripulación do Equipo Nacional de 49er de Carlos e Antón Paz do LC Vilagarcía tivo que conformarse ao final co Subcampeonato de España e o cuarto posto na xeral entre 20 participantes de 11 países. A Paz tardaron en coller ritmo de competición pero demostraron unha vez máis que son unha tripulación moi a ter en conta de face ao Trofeo Princesa Sofía.
Como xefe de expedición acudiu Alberto García, director técnico da FGV quen dedicou os seus esforzos na auga principalmente á clase 470, así como co 420 e Finn.











