A selección galega de taekwondo acada dez medallas no Campionato de España Sénior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Selección galega de Taekwondo

Selección galega de Taekwondo

Galicia logrou un total de dez medallas (dous ouros, tres pratas e cinco bronces) no Campionato de España sénior de combate que se disputou hoxe no Pavillón Multiusos de Cáceres. Con estes resultados, Galicia logrou na clasificación por equipos a medalla de bronce na categoría feminina, e foi prata na masculina e na xeral.

A Federación Galega de Taekwondo presentaba un equipo moi renovado, pero os debutantes responderon a un altísimo nivel e houbo medallas tanto dos veteranos coma dos máis novos. Os ouros foron para Juan Fernández e Lúa Piñeiro, mentres que as pratas foron para Xián Silva, Borja Ríos e Sabela López. Ademais, Galicia logrou cinco bronces para Miguel Cobas, Katia Calvar, Lara Ouviña, Francisco Padín e Fernando Rascado.

Houbo unha final galega protagonizada por Juan Fernández e Borja Ríos en -58 quilogramos. A verdade é que ambos deportistas fixeron un campionato excepcional. Borja logrou superar en semifinais a Javier Marrón (bronce mundialista), mentres que Juan eliminou ao representante da Comunidade Madrileña por un apertado 5-4. Na final, Juan foi moi superior ao seu compañeiro(7-0).

O outro oro galego foi para Lúa Piñeiro (-67), que defendía o título acadado no ano 2013. E non o tivo sinxelo, pero a deportista galega fixo un gran torneo. En semifinais superou á representante de Madrid Cecilia Castro (10-1), mentres que na final gañou a Sandra Lorenzo (Castela a Mancha) por 7-3.

Ademais da prata de Borja, tamén quedaron na segunda posición Xián Silva (-74) e Sabela López (+73). No caso de Xián a derrota foi moi dolorosa, xa que caeu na final no último segundo nunha acción moi dubidosa que os árbitros concederon ao seu rival, Manuel Beloqui, e que lle deu o triunfo 7-6. Os técnicos galegos non estaban de acordo coa acción, pero non tiñan tarxeta para solicitar o vídeo-replay.
A prata de Sabela López foi especial, xa que tivo un premio engadido: A galega tiña que enfrontarse na final á campioa do mundo Rosana Simón e renunciou para preparar a preselección que tiña para o mundial júnior contra á representante andaluza. E Sabela gañou o combate (3-0) e será a terceira deportista galega que participará nese mundial, xunto a Laura Dosil e Ruth Tilve (campioas de España júnior hai unhas semanas).

Cinco bronces. E a colleita rematou con cinco bronces. Hai que destacar a presea de Miguel Cobas (-54), que con 16 anos, logrou un bronce no seu primeiro campionato de España sénior. O galego perdeu nas semifinais contra Carlos González, medallista internacional.

Francisco Padín (-68) reaparecía despois dunha lesión e acudiu ao campionato case sen poder adestrar, pero fixo unha moi boa competición para caer nas semifinais contra o catalán Daniel Quesada.

E pola súa banda, hai que referirse á actuación de Fernando Rascado (-74), na súa primeira competición neste novo peso, no que se atopou moi cómodo. Caeu na semifinal contra Manuel Beloqui, que despois eliminaría na final a Xian Silva nesa polémica final.

Pola súa banda, Lara Ouviña (-62) foi bronce tras perder contra Diana Vázquez nunha axustada semifinal (1-0). Precisamente Diana logrou o título de campioa de España. E por último, suliñar que neste mesmo peso (-62), Katia Calvar tamén subiu ao terceiro posto do podio xunto a Lara. Calvar caeu na semifinal contra Nagora Irigoyen (5-2).

Con estes resultados, Galicia logrou o podio por equipos en todas as categorías: Foi bronce feminino, e prata na categoría masculina e na xeral.

 

1 de marzo de 2014 | 22:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.