A RSE preséntase en Vigo como modelo “moderno, alternativo e emerxente” comprometido coa sociedade

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Odilo Martiñá no encontro sobre RSE en Vigo

Odilo Martiñá no encontro sobre RSE en Vigo

O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, defendeu hoxe a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) como “un modelo alternativo, moderno e emerxente, que está comprometido coa nosa sociedade no seu conxunto e coas persoas que a conforman de maneira individual”.

Martiñá inaugurou hoxe un encontro sobre Responsabilidade Social Empresarial (RSE), organizado polo Círculo de empresarios de Galicia en Vigo e indicou que implantar estas políticas non supón un gasto adicional, mentres que permite potenciar o prestixio social da empresa e contribúe á sostibilidade do sistema.

Neste sentido, Traballo conta con ferramentas para o fomento e o desenvolvemento da RSE enmarcadas no Plan Estratéxico de RSE Galicia, tales como a rede transrexional, o observatorio permanente, o grupo de representación ou a ferramenta Xunta Pro-RSE.

A rede transrexional ten por obxectivo fomentar a definición de novas vías de promoción da RSE por parte das administración públicas para pemes; o observatorio pretende avanzar no grao de coñecemento da realidade empresarial neste eido, a realización de proxectos de investigación, o establecemento de redes de traballo ou a promoción de novos espazos de diálogo.

Pola súa banda, o grupo de representación está composto por 13 empresas punteiras en Galicia. A súa finalidade é o desenvolvemento da RSE a través dun proxecto de tutela das grandes empresas ás pemes.

A ferramenta Xunta Pro-RSE está dispoñible na web da Consellería e permite ás empresas a integración das variables de RSE na xestión do negocio coa meta de identificar as fortalezas e debilidades e facilitar a elaboración dunha memoria de sostibilidade.

Odilo Martiñá referiuse tamén á posta en marcha este ano do proxecto ‘Start up, stand up’, dentro do programa europeo Enterprise 2020, co obxectivo de promover e consolidar o emprendemento en Galicia coa incorporación dos principios da RSE a súa axenda de traballo. Desta maneira, o departamento autonómico pretende “promocionar o emprego xuvenil e a formación dos traballadores nas novas tecnoloxías” e, ao mesmo tempo, “cimentar a RSE como un mecanismo de xestión empresarial de presente, pero sobre todo de futuro”.

12 de marzo de 2014 | 11:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.