A restauración do noiro de Bos Aires comeza coa escavación e retirada do material

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Esta mañá comezaron os traballos de restauración do noiro desplomado sobre a beirarrúa da avenida de Bos Aires, próximo á rotonda de entronque da ponte das Palabras co barrio de Monte Porreiro. Os traballos comezaron coa retirada do material da beirarrúa, e coa escavación e preparación do desmonte para proceder a súa reparación coa construción de gavións.

O muro de gavións será de 25 metros de longo por 4 metros de alto. A obra terá un custe de 58.153,60 euros.

O noiro caiu en xaneiro e a súa reposición está incluída dentro das obras de emerxencias aprobadas polo Concello ese mesmo mes, pero debido ao mal tempo e as intensas precipitacións que duraron até marzo, non se puido acometer até o de agora, coa chegada do bo tempo.

Segundo o informe técnico, a caída do noiro debeuse á saturación da rede de drenaxe da rúa Holanda, que provocou o desbordamento sobre o noiro provocando o seu derrubamento sobre a avenida de Bos Aires. Os técnicos comprobaron que, a maiores, existe un tramo duns 10 metros de lonxitude que ameaza desprenderse en calquera momento, e arrastrar con el parte da rúa Holanda.

A situación levou a valorar tres opcións de intervención. A primeira un muro de contención de formigón que foi desbotado “pola intrusión visual que suporía un muro de 4 metros de altura de formigón visto nun entorno natural moi próximo ao Lérez”. Igualmente foi rexeitado un muro de bloques de pedra porque require un basamento moi ancho, especialmente ao tratarse dun noiro tan vertical, e debido ao escaso espazo da zona.

Finalmente optouse polos gavións porque ten un mellor resultado e combina as vantaxes das dúas anteriores.

19 de marzo de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.