A reserva da biosfera As Mariñas celebrou o Día da Árbore cunha plantación de castiñeiros nos 17 municipios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Día da Árbore nas Mariñas Coruñesas

Día da Árbore nas Mariñas Coruñesas

A reserva de biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo uniuse con motivo do Día da Árbore. A celebración foi moi especial para o territorio xa que é un dos primeiros actos nos 17 municipios desde o recoñecemento internacional outorgado pola UNESCO.

Os 17 Concellos que conforman a reserva realizaron unha plantación simbólica de castiñeiros, cedidos pola Xunta de Galicia. Para iso contouse coa participación de escolares, que aprenderon así a plantar estas árbores autóctonas.

O presidente das Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso, acudiu á plantación de Abegondo, onde exerce tamén como alcalde. Os nenos do CEIP San Marcos plantaron varios castiñeiros no campo dá feira de Abegondo.

“Cando sexades maiores acordarédevos con agarimo destas árbores”, sinaloulles. Santiso aproveitou o acto para explicar aos nenos que agora son habitantes dunha reserva de biosfera e que eles tamén teñen a responsabilidade de coidala. Para culminar o acto procedeuse en cada municipio á lectura dun manifesto, no que se reforzou o compromiso da Reserva na procura dun desenvolvemento sustentable.

Ademais deste acto central, levarán a cabo outro tipo de accións complementarias, como charlas de educación ambiental nalgúns centros escolares, teatro infantil coa temática das árbores, elaboración de murais polos máis pequenos, e outro tipo de actividades, todas elas enmarcadas neste Día, no que se trata de difundir de que o desenvolvemento do territorio é posible en harmonía coa conservación da natureza.

21 de marzo de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.