A realizadora galega Marta Piñeiro presenta a curta realizada con estudantes de secundaria en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+

“Aprendendo a cambiar o conto” é o título do traballo audiovisual froito dun taller sobre temas de Igualdade impartido a alumnos e alumnas de 3º da ESO, do IES de Tomiño, coa colaboración do Concello.

A realizadora ourensá Marta Piñeiro, directora de series tan exitosas coma “Matalobos” e “Padre Casares”, foi a encargada de impartir o obradoiro e de montar e editar o traballo final, que ela prefire chamar “experiencia audiovisual”, xa que non é unha curta de ficción nin un documental.

O traballo foi presentado esta tarde no IES de Tomiño, coa presenza da directora, os estudantes e as súas familias, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e membros do equipo directivo e docente do Instituto. Cruz Garrido, vicedirectora do IES, explicou a orixe do proxecto e agradeceu neste sentido, a proposta feita polo Concello.

A alcaldesa, pola súa banda, salientou o traballo realizado por Piñeiro e os 20 estudantes tomiñeses, e considerou fundamental “traballar a igualdade a través da educación e dende idades temperás”.

Cando o Concello lle ofreceu a posibilidade de celebrar un taller sobre temas de igualdade, para realizar un traballo audiovisual que fora presentado coincidindo coa celebración do Día da Muller, non dubidou en aceptar. “Creo que é de salientar o compromiso do goberno de Tomiño, e a súa implicación total no tema”, comentou.

O máis salientable é, de todos modos, a actitude e o traballo dos rapaces e rapazas, uns 20, de terceiro da ESO, que a pesar de non ter experiencia en medios audiovisuais, participaron activamente, dando ideas, imaxinando situacións, reflexionando sobre estereotipos e propoñendo alternativas. “Todos conseguiron finalmente porse diante dunha cámara e expresar as súas impresións e opinións, e incluso, de converterse en actores e actrices por uns días”, explicou a realizadora.

“Estou moi satisfeita do traballo feito; foi unha experiencia moi gratificante, moi intensa que nos permitiu enfrontarnos a un tema tan importante coma a igualdade e reflexionar sobre el; comprobando ademais que o audiovisual pode ser unha ferramenta moi útil para o aprendizaxe e a acción social”, comentou.

A curta dura uns 20 minutos, nos que os estudantes amosan todo o proceso do obradoiro, facendo reflexións, interpretando situacións e buscando condutas saudables. Os primeiros sorprendidos pola cinta foron os propios alumnos e alumnas participantes, que non observaron ata o momento da presentación, a montaxe e edición final.

Gonzalo Lomba e Gabriel Prada, presentes tamén no acto, realizaron cámara e son, respectivamente.

Marta Piñeiro leva traballando no mundo da televisión máis dunha década. Actualmente dirixe a serie que se emite na Televisión de Galicia:  Padre Casares, e ata o 2013 foi directora tamén de Matalobos, coa que gañou un premio a nivel europeo: o Circom (tamén o Mestre Mateo á mellor realización).

Marta Piñeiro leva máis de 12 anos traballando en series de televisión, e antes traballou facendo docuseries e algún que outro programa  na televisión.

Padre Casares foi traducida e emitida en Telemadrid e tamén versionada noutras canles e vendida a televisións autonómicas coma a andaluza e a valenciana.

Premios e recoñecementos: Premio Mestre Mateo 2011 (entregado en 2012) á mellor realización por Matalobos.

Premio Mestre Mateo 2009 á mellor realización, por O Nordés.

Filmografía:

Rías Baixas, Libro de Familia, O Nordés, Matalobos, Padre Casares, A vida aberta, etc.

10 de marzo de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.