A primeira programación externa do CGAI chega a Ourense coa proxección de ‘Los ilusos’ no Cineclube Padre Feijoo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, pon en marcha este luns día 10 de marzo en Ourense a primeira extensión da programación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) fóra da súa sede da Coruña. A proxección de ‘Los ilusos’, de Jonás Trueba, na Biblioteca Pública Nodal da cidade das Burgas inaugura a carteleira bimestral de sete filmes coa que arranca esta iniciativa, a través da que se comparte co público ourensán destacadas estreas recentes do panorama independente español e internacional.

Comeza a materializarse así o acordo subscrito o pasado mes de febreiro entre a Consellería de Cultura e Educación e a asociación ourensá, de acordo co que este programa externo do CGAI terá continuidade ata finais de ano –agás nos meses do verán– cunha media de catro títulos por mes. O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad achega 15.000 euros a esta programación en concepto de dereitos de emisión, investimento que se suma ao apoio da Consellería á programación e promoción dos cineclubes galegos mediante un convenio asinado coa Federación de Cineclubes de Galicia, ao que se destinou un total de 24.000 euros.

Carteleira de marzo-abril

Inserida nas chamadas ‘Sesións de Filmoteca’ do Cineclube Padre Feijoo, a selección do CGAI para Ourense dá comezo este luns co segundo filme de Jonás Trueba, ‘Los ilusos’, versión da novela póstuma de Rafael Azcona. As proxeccións continuarán en marzo no Salón de Actos da Biblioteca Nodal ourensá coa comedia ‘Gente en sitios’, de Juan Cavestany (17 de marzo); ‘La plaga’, pola que Neus Ballús foi candidata á mellor dirección novel na pasada edición dos Premios Goya (24 de marzo); e ‘The act of killing’, aclamado documental que explora o horror da historia contemporánea de Indonesia (31 de marzo).

Nos luns de abril –excepto o día 14, previo a Semana Santa– a carteleira ofrece outros tres destacados títulos: ‘La noche de enfrente’, último filme do cineasta chileno Raoul Ruiz, estreado postumamente en 2012 (7 de abril); a produción ‘Centro histórico’, que reúne as visións arredor de Guimarães dos directores Manoel de Oliveira, Víctor Erice, Aki Kaurismaki e Pedro Costa (21 de abril); e ‘Sangue do meu sangue’, de João Canijo, un dos principais representantes do cinema portugués actual.

Agás no caso desta última fita, cun único pase ás 20.30 horas, os filmes inseridos nesta extensión ourensá da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe proxéctanse en sesións dobres ás 20.30 e ás 23.00 horas.

Máis información sobre este programa en http://cineclubepf.blogspot.com.es/

7 de marzo de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.