A Policía Local de Vilagarcía incide na prevención de accidentes con campañas de velocidade e de uso do cinto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Policía Local desenvolve no mes de marzo dúas campañas tendentes a sensibilizar a condutores e tripulantes de vehículos sobre prácticas de condición seguras e o uso dos sistemas de seguridade dos vehículos. Co obxectivo de previr accidentes e de lograr que as repercusións dos mesmos sexan as menores posibles, a Policía centra as campañas no control de velocidade en vías urbanas e no uso do cinto de seguridade e sistemas de retención infantís.

No marco das campañas periódicas que o Concello leva a cabo varias veces ao ano a través do convenio de colaboración coa Xefatura provincial de Tráfico, a Policía Local disporá durante unha semana do mes de marzo do radar móbil da DGT. O vehículo rotará por diferentes vías urbanas, especialmente as máis conflitivas en canto a exceso de velocidade se refire, para controlar aos vehículos que circulen por elas.

Tamen durante o mes de marzo, en concreto esta semana, estase a desenvolver unha campaña de ámbito nacional da DGT, mediante a cal a Policía controlará que condutores e tripulantes de vehículos levan posto o cinto de seguridade. Prestarase especial atención ao bo uso dos sistemas de retención infantil que, ademais de ser obrigatorios, deben ir correctamente ancorados e estar acordes coa idade e estatura do neno para protexelo ante calquera incidencia.

Con estas medidas, tanto a Policía como a DGT pretenden incidir na prevención de accidentes de tráfico custan moitas vidas cada ano ou provocan lesións irreparables.

12 de marzo de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.