A Policía Local de Nigrán retoma a campaña de retirada de vehículos abandonados na vía pública
O goberno municipal pon a disposición dos veciños a posibilidade de xestionar a través da Policía Local a retirada e posterior tratamento como residuo sólido urbano os vehículos abandonados no termo municipal sen ningún custo económico para os propietarios. “O obxectivo desta iniciativa é eliminar os vehículos abandonados das rúas e viarias, mellorando a imaxe dun municipio eminentemente turístico como Nigrán, á vez que reducimos o impacto ambiental do devandito abandono”, observa o rexedor municipal.
Esta iniciativa é posible grazas a un convenio de colaboración subscrito coa Deputación de Pontevedra a principios do pasado ano, que permite xestionar a través da Policía Local deste concello a documentación necesaria para a baixa e posterior tratamento do vehículo a todas aquelas persoas que así o desexen. Até a data, rexistráronse 18 baixas e están á espera de finalizar os trámites administrativos outro oito vehículos.
O rexedor municipal lembra que está prohibido estacionar un vehículo na vía pública sen o pertinente seguro, unha infracción pola que se poden impor sancións ao propietario do mesmo de entre 600 e 1.500 euros. “Esta campaña persegue tamén simplificar a tramitación administrativa necesaria para dar de baixa o vehículo e a súa posterior conversión en residuo sólido urbano, á vez que tentamos evitar a imposición de posibles sancións aos seus propietarios”, engade.
Así mesmo, Valverde solicita aos veciños a súa colaboración para detectar vehículos abandonados na vía pública, e pide que o poñan en coñecemento da Policía Local mediante unha chamada telefónica.











