A Policía Local de Ferrol realizou unha nova campaña de seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Policía Local de Ferrol vén de realizar unha nova campaña preventiva de seguridade viaria, esta vez centrada nas condicións técnicas e documentais dos vehículos que circulan polas estradas do municipio. A campaña desenvolveuse durante cinco días durante os cales se fixeron 9 controis en que se revisaron un total de 139 vehículos. Soamente un 8,6% dos vehículos controlados presentaron algunha deficiencia que supuxo a apertura dun expediente de sanción, sendo a infracción máis común a de circular coa inspección técnica (ITV) caducada –un feito que se produciu no 50% dos casos-.

O corpo de seguridade municipal informa que nun dos controis efectuados, ao proceder á identificación do condutor comprobouse que carece de permiso de condución e ademais, tras consultar a base de datos, verificase que dito condutor atopábase en busca e captura para o cumprimento dunha condena privativa do dereito á liberdade por feitos semellantes. Por tal motivo, os axentes locais procederon á súa detención e posta a disposición xudicial, quen ordenou o seu traslado ao Centro Penitenciario de Teixeiro.

Un segundo feito relevante aconteceu noutro control policial efectuado no cruzamento da estrada de Castela coa avenida de Nicasio Pérez, cando unha patrulla da Policía Local de Ferrol deu o alto a un turismo marca Wolkswagen, modelo Golf de cor granate, coa finalidade de que se detivese no punto de verificación. Sen embargo, o seu condutor non obedeceu ás sinais do garda e emprendeu a fuxida dende a estrada de Castela cara a estrada da Trincheira a grande velocidade. A Policía Local emprende entón unha persecución e ao chegar á zona de Telleiras o condutor entra no barrio de Caranza a gran velocidade e sen respectar sinalización algunha, co grave risco que iso supuxo para o resto dos condutores e peóns. O vehículo continuou a súa fuga pola Avenida do Mar ata alcanzar as vivendas de Enrique Granados cando foi detido. Unha vez identificado, os policías locais comprobaron que conducía tendo o permiso suspendido por resolución xudicial, polo que se puxo a disposición xudicial por dous delitos contra a seguridade viaria. Así mesmo, na inspección do vehículo localizáronse 20 quilogramos de ameixa e varios útiles para a súa extracción, polo que se avisou ao servizo da Consellería de Pesca quen se fixo cargo do vehículo, útiles e produto extraído.

17 de marzo de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.