A Policía de Ferrol desenvolveu unha campaña de seguridade viaria centrada nos estacionamentos irregulares
A Policía Municipal de Ferrol desenvolveu ao longo da semana pasada unha campaña de Seguridade Viaria centrada na corrección dos estacionamentos irregulares máis habituais. Para elo, este corpo local de seguridade deseñou un mapa de viarios localizando aqueles lugares en que este tipo de infraccións son máis comúns, en función das observacións directas dos axentes ou ben das queixas recibidas de maneira directa pola propia veciñanza e usuarios dos viarios.
Así as cousas, os obxectivos propostos con esta campaña foron reducir as infraccións consistentes en: a ocupación abusiva de prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, os estacionamentos que obstaculicen os pasos rebaixados nas beirarrúas, e os estacionamentos en zonas peonís, en dobre fila ou en paradas destinadas ao servizo público de viaxeiros e de mercadorías. A Policía Local levou a cabo a execución desta campaña en dúas fases: unha primeira fase inicial de carácter preventivo ou disuasorio; e outra final, executiva ou de sancións. Na primeira destas fases, a presenza continuada dos axentes municipais naquelas zonas previamente sinaladas como conflitivas serviu de elemento preventivo para evitar infraccións, mentres que na segunda –e nos casos nos que a presenza policial resultou insuficiente, procedeuse á sanción.
A Policía Municipal conclúe desta campaña que a principal infracción detectada foi o estacionamento sobre a beirarrúa, principalmente no barrio da Magdalena e na zona dos Ensanches, seguida de estacionamentos en zona reservada para carga e descarga. Así mesmo, os gardas locais tramitaron dilixencias penais por presunto delito de falsificación documental ao localizar e identificar ao responsable de falsificar unha tarxeta para persoas con mobilidade reducida.











