A pianista Mine Kawakami ofrecerá concertos en Vilagarcía, Pontevedra e Vigo dentro do Congreso Internacional da Camellia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedraPontevedraVigoVilagarcía de Arousa
A-
A+
Mine Kawakami

Mine Kawakami

A cinco días para que dea comezo o Congreso Internacional da Camellia en Pontevedra, o Museo Provincial acolleu esta mañá a presentación dos concertos que a pianista xaponesa Mine Kawakami ofrecerá na provincia, con motivo da realización deste evento e mais do ano dual España-Xapón.

Nunha rolda de prensa na que participou a propia pianista e compositora, xunto coas deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, Mine Kawakami –que improvisou unha peza para piano dedicada a Pontevedra– explicou que a Sonata Samurai que interpretará é unha composición feita especialmente para o ano dual e nela trata de reflectir a viaxe da primeira delegación comercial xaponesa que chegou a España.

Segundo indicou, este camiño que realizaron os samurais hai 400 anos marcou unha relación estreita e especial entre España e Xapón. Unha relación que, como dixo, ten nestes momentos o foco posto en Galicia. “Galicia en Xapón é a moda”, asegurou, e son moitos os xaponeses que se interesan por esta terra, da que se declarou unha namorada, afirmando que “veño moitas veces ó Grove comer marisco e en Combarro teño uns amigos moi íntimos e non podo vivir sen estar nesta zona”.

Por iso se amosou “moi orgullosa” de poder ofrecer agora tres concertos na provincia de Pontevedra, que terán lugar no Centro Social Novacaixagalicia en Pontevedra, o 14 de marzo; no Salón García de Vilagarcía de Arousa, o 15 de marzo; e no Teatro García Barbón de Vigo, o 16 de marzo.

As entradas serán de balde e poderanse recoller tanto nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo coma no Concello de Vilagarcía de Arousa.

Ocupación hoteleira

No transcurso da presentación a deputada provincial Begoña Estévez salientou a repercusión que o Congreso Internacional da Camellia terá no sector hostaleiro da provincia.

Así, afirmou que xa está confirmada a ocupación de 240 cuartos en hoteis da cidade de Pontevedra durante os cinco días de duración do Congreso. 56 serán no Parador, 82 no Galicia Palace, 44 no Hotel Rías Bajas e 16 no Hotel Dabarca.

Anunciou tamén a presenza do ministro de Cultura da embaixada do Xapón no acto de inauguración e dunha importante delegación da rexión chinesa de Dali, encabezada polo seu alcalde e os máximos representantes de Turismo e Comercio, entre outros.

6 de marzo de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.