A oposición do Concello de Ourense solicita a dimisión do alcalde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

A oposición no Concello de Ourense, intregrada por PP, BNG e DO, coincide en pedir a dimisión do alcalde e concelleiros imputados e reclama ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro “que a force igual que a pediu para os edís de Santiago de Compostela”, no caso de PP e DO, e que se defendan “dende fóra da institución”, no caso do BNG.

Este luns coñeceuse a imputación do actual alcalde Agustín Fernández, e as actuais edís de Urbanismo, Áurea Soto, e de Benestar Social Margarita Martín, nun auto do xulgado de instrución número dous de Ourense, onde se investiga a adxudicación de obras na rúa Bedoya no ano 2008, á empresa GANSA S.A., por parte da Xunta de Goberno do 6 de setembro dese ano.

No mesmo auto, están chamados a declarar como tamén como imputados, outros seis exedís do PSOE — entre eles o exalcalde Francisco Rodríguez, imputado na Pokemon– e do BNG, ademais dun funcionario e tres empresarios, pola investigación iniciada tras unha denuncia de Democracia Ourensana (DO).

DO deu a coñecer, a través dun comunicado, que comparecerá “xudicialmente neste preito”. Nel, autodenomínase como o “único partido na oposición real da cidade”, por “protagonizar as 4 denuncias penais actualmente en curso”, que se refiren ao servizo de atención domiciliaria, a vivendas da praza de Santo Antonio Antonio e “facturas con reparos levantados”, segundo detalla o seu escrito.

MOCIÓN DE CENSURA

No seu comunicado, DO di esperar a dimisión do actual alcalde de Ourense e que o responsable do PSOE galego “debería forzar a dimisión do mando de Ourense, igual que pide para o Concello de Santiago” — onde xa se abriu xuízo oral — .

Ademais, anuncia que “estudará e promoverá” unha moción de censura nos próximos días “para expulsar do goberno a este equipo de imputados e poñer así a pelota no tellado do PP e do BNG, para saber se a apoiarán ou primarán os intereses de partido no seu lugar”.

Pola súa parte, o voceiro do PP municipal, Rosendo Fernández, dixo a Europa Press que o seu partido “non está para imposicións nin ocorrencias” e aludiu ao anuncio de DO para “recordarlle que para unha moción de censura fan falta 14 votos favorables e unha proposta de candidato a alcalde”.

A BESTEIRO

Fernández aludiu á situación do Goberno municipal, tras a imputación de tres dos seus integrantes, para indicar que aplican “a política da avestruz de esconder a cabeza e seguir para adiante”, polo que recordou a Gómez Besteiro “o que dixo hai unha semana: se os concelleiros do PP de Santiago fosen do PSOE, estarían cesados, así que, que se aplique o conto”, engadiu.

Segundo o voceiro do PP, se os actuais dirixentes municipais “tivesen un mínimo de decencia política ou respecto aos cidadáns, xa non estarían aí”.

Engadiu que o martes, en rolda de prensa, explicarán “a fondo o escenario que se abre agora” no Goberno local”.

“ONCE MÁIS DOUS SON TRECE”

Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG Xosé Somoza, aludiu á proposta de DO de promover unha moción de censura para “recordalo que once máis dous son trece, e nada máis”, en referencia á suma de votos de PP e DO.

Dixo “manter o criterio” do BNG para os seus militantes, “no sentido de que cando hai unha imputación grave por razón do servizo do cargo, a presunción de inocencia hai que defendela dende fóra da institución”, igual que o BNG pediu no Concello de Santiago de Compostela, segundo dixo.

“Este criterio é o válido” para os militantes do BNG, pero tamén para os outros”, engadiu, e recordou que dos concelleiros nacionalistas imputados agora polo xulgado de instrución número dous de Ourense, ningún está na política municipal.

10 de marzo de 2014 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.