A OMIC de Ourense atendeu en 2013 máis de 5.400 consultas e canalizou 455 reclamacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello e Ourense atendeu un total de 5.427 consultas e recibiu e canalizou 455 reclamacións en materia de consumo por parte de veciñas e veciños da cidade ao longo do ano 2013. A concelleira de Consumo, Marga Martín, fixo esta mañá o balance de actividade deste servizo “esencial e fundamental para os noso veciños á hora de informalos, asesoralos e axudalos a defender os seus dereitos como consumidores, evitando a súa indefensión”.

A concelleira de Consumo reinvindicou a continuidade deste servizo municipal e expresou a preocupación do goberno municipal xa que o Proxecto de Lei de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, recentemente aprobado polo Goberno Central, pón en perigo este servizo, xa que retira aos concellos as competencias en materia de consumo.

O Concello de Ourense, consciente da importancia da OMIC como servizo cercano aos cidadáns para a defensa dos seus dereitos, dirixirase á Xunta de Galicia para que autorice a continuidade deste servizo, delegando no Concello a competencia para a súa prestación.

Medran as consultas sobre servizos eléctricos

Ao longo do ano 2013 os sectores que deron lugar a máis consultas foron a telefonía, con 707 consultas (375 de telefonía móbil máis 217 de telefonía fixa) o alugueiro de vivenda (525), os produtos bancarios (415) e a electricidade (404).

En comparación con 2012, destaca especialmente a reducción de consultas sobre banca (que ascenderan a 816 en 2012), e o aumento de reclamacións sobre electricidade (273 en 2012), motivadas estas principalmente por consultas sobre tarifas, comprobación de importe de facturas ou cortes de subministro, nalgún casos sen previo aviso.

A OMIC atendeu en total 5.427 consultas: 4.120 sobre servizos e 1.307 sobre produtos. Ao longo de 2013 recibiu e canalizou un total de 455 reclamacións, das que 179 foron sobre telefonía móbil, 65 sobre telefonía fixa e 34 sobre electricidade. Tamén houbo 70 solicitudes de arbitraxe e 35 mediacións

Teatro para formar aos escolares como consumidores

Con motivo da celebración, mañá, sábado, día 15 de marzo, do Día Mundial do Consumidor, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do Concello de Ourense organizará durante os meses de marzo e abril dúas representacións teatrais dirixidas a alumnado de Educación Infantil e Primaria.

A obra “Cling”, escrita e dirixida polo Grupo Trécola, fai referencia ao impacto da moeda nas relacións comerciais, e será representada en 17 centros educativos da cidade desde o próximo mércores, 19 de marzo.

A sinopse da obra é a seguinte: do autoabastecemento ao troco, cóntase a historia -en clave cómica- do home vencellada ás relacións comerciais e ao uso da moeda desde os inicios ata a actualidade.

A segunda das obras, denominada “Xan Perillán compra queixo e compra pan”, escrita e interpretada por Marcelino de Santiago “Kukas”, e dirixida por Isabel Rey Pousada, amosará entre escolares de 15 centros educativos a influencia do márketing nos hábitos de consumo, dende o vindeiro martes, 18.

Sinopse: continuando coas súas andainas, o amigo Xan Perillán vai mercar ao Hipermegasupermercado “O Rato Colorado”, mais o trasno das ofertas perségueo: mercará ben ou se deixará engaiolar polos enganos do consumismo? A súa inexperiencia mercando vaille levar a situacións cómicas e absurdas, pero, conseguirá coa súa maxia mercar axeitadamente?

14 de marzo de 2014 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.