A nova orde de axudas para mellorar as prazas de abastos supón unha oportunidade para Vigo e a súa área

Bravo Bosh na visita ao mercado de Teis
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, visitou esta mañá os mercados de Teis e O Calvario para dar a coñecer a nova convocatoria de axudas que vén de activar a Administración autonómica co obxectivo de potenciar e mellorar as prazas de abastos de todos os concellos galegos.
Concretamente, e coma explicou a delegada, a Dirección Xeral de Comercio conta nestes momentos cun investimento superior aos 3 millóns de euros para apoiar aos concellos galegos na potenciación dos mercados e prazas de abastos e impulsar así a competitividade do comercio de proximidade. Esta iniciativa está dentro da estratexia específica da Administración autonómica de apoio ao sector comercial como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas.
Bravo Bosch animou así ao Concello de Vigo e ao resto de municipios da área territorial a presentar os seus proxectos de modernización e mellora das prazas de abastos a esta nova convocatoria de apoios que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de abril.
A responsable da Administración autonómica na cidade fixo especial fincapé no feito de que, coma novidade importante para este ano, elimínase o límite de 40.000 habitantes dos concellos para poder beneficiarse deste tipo de axudas, co que, coma lembrou Bravo Bosch, “o Concello de Vigo podería ser un dos beneficiarios e polo tanto as prazas de abastos da cidade, se así o solicita a través da convocatoria de axudas que temos aberta”.
A través deste programa, as actuacións subvencionables poderían incluír investimentos en mercados municipais e prazas de abastos para a reparación, modernización e remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario; supresión de barreiras arquitectónicas; mellora do consumo de recursos enerxéticos; sistemas para o reciclaxe e eliminación de residuos ou sinalización, entre outros.
A orde de axudas tamén establece que se poderían subvencionar actuacións en peonización ou semipeonización de prazas, rúas e zonas peonís comerciais contiguas e limitadas á contorna inmediata co edificio da praza de abastos e coma poderían ser, por exemplo, proxectos para aparcadoiros, amoblamento urbano, sinalizacións ou rotulacións comerciais, ou outros complementos que estimulen e impulsen a actividade comercial. Nestes casos, o máximo subvencionable sería de 80.000 euros. Tamén incluiría actuacións que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, dirixidas á atracción de novos consumidores e á promoción das vendas.
As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos apoiables, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.
Increméntase un 25% as axudas para modernización
Ademais, os municipios poderán optar a axudas para a modernización dos mercados de ata 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.
Como novidade, os concellos que queiran desenvolver estes proxectos de mellora, deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
Con este programa, a través do cal se levan concedido apoios a 194 concellos galegos nos últimos cinco anos, a Xunta reforza a súa colaboración cos municipios nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade co comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.
É máis, no caso do ámbito da Delegación Territorial de Vigo, no ano 2013 beneficiáronse desta orde de axudas un total de 9 concellos ou agrupacións cun investimento que superou os 640.000 euros e que serviu para mellorar as prazas de abastos e zonas comerciais de Baiona, Gondomar, Redondela, Cangas, Salceda de Caselas, O Porriño, Soutomaior, Pazos de Borbén e Mondariz.
Así, nesta nova convocatoria apóiase con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos poderán optar a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.
Máis de 6,5 millóns de euros
Con esta convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva activados no que vai de ano programas de axudas por máis de 6,5 millóns de euros para impulsar o sector comercial e mellorar a súa competitividade.
Así, vén de poñerse en marcha a orde destinada a apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, dotada con 800.000 euros, e que se suma á convocatoria destinada ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos, con 2,2 millóns de euros e en fase de resolución.
Ademais do impulso ao asociacionismo comercial, outro dos eixos nos que incide a Consellería de Economía é o emprendemento comercial, cun novo programa para a apertura de novos establecementos comerciais que conta cunha dotación inicial de 500.000 euros, e que está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de xuño.











