A nova oferta cultural no Teatro Jofre de Ferrol inclúe a música de “Los Secretos” e “Jorge Drexler”
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado, presentaron hoxe a programación do Teatro Jofre para os meses de abril, maio e xuño do presente ano 2014. Unha oferta cultural que o rexedor municipal valorou como “variada, para todos os gustos e públicos, con eventos dirixidos especialmente ao público infantil e familiar, e de calidade”, dentro da liña que está a seguir área de Cultura dende o inicio do actual mandato.
A continuidade do ciclo de grandes concertos “Son (S) do Jofre” – que traerá a Ferrol grupos e artistas consolidados como “Los Secretos” (5 de abril), Amancio Prada (24 de maio) e Jorge Drexler (21 de xuño) -; teatro e espectáculos escénicos –como “100% Tricicle” (22 de abril): a compañía Chévere porá en escena “Eurozone” (17 de maio); a danza contemporánea de “B-Flowers” (25 de abril), entre outros.-; e programación para os máis pequenos –“A ratiña azul” (6 de abril); ); ballet coa “Bella Durmiente” (1 de xuño) ou “Cantajuegos” (domingo 15).
O edil de Cultura insistiu en que o obxectivo do Concello de Ferrol “é o de ofertar unha programación que leve xente ao teatro Jofre”, ao tempo que definiu como “imaxinativa, anovadora e de calidade” a nova programación para o vindeiro trimestre. Así mesmo, lembrou que se continúa coa política de prezos que permite que as entradas de calquera espectáculo que teña lugar en Ferrol teñan un custe menor ao que tería o mesmo evento noutro municipio.
Ainhoa Arteta
Por outra banda, García Hurtado destacou que para o concerto de Ainhoa Arteta que terá lugar o vindeiro venres, día 4 de abril, no Auditorio de Ferrol xa se venderon máis de 550 entradas, o que supón que a primeira actuación en Ferrol desta prestixiosa cantante ten garantido xa un aforo superior á capacidade do Teatro Jofre. As entradas están a venda no despacho do teatro municipal ou por internet: www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultural). O prezo é de 15 euros.











