A mellora do subministro de enerxía eléctrica no Deza alcanzará unha inversión de 15 millóns de euros

Cores Tourís na visita a Lalín
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Lalín co obxectivo de comprobar as melloras realizadas por Unión Fenosa Fenosa na rede de distribución eléctrica e na relación á calidade do subministro de enerxía eléctrica na comarca do Deza.
Durante esta visita estivo acompañado polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo responsable de desenvolvemento de Alta Tensión de Unión Fenosa Distribución, Pablo Carreira.
Segundo informou Cores Tourís, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria e Unión Fenosa Distribución, colaboraron na mellora da calidade do subministro eléctrico nos concellos de Lalín, Dozón, Agolada, Rodeiro Silleda e Vila de Cruces cun investimento fixado entre 2012 e 2013 de cerca de 365.000 euros tanto en actuacións como en obras de adecuación e mellora de instalacións eléctricas en Media Tensión.
“Desde a Delegación Territorial mantense o obxectivo de corrixir as deficiencias de subministro eléctrico na provincia de Pontevedra. Esta é a razón pola que mantemos un marco de colaboración coas distintas empresas distribuidoras que operan na provincia para atender ás necesidades que os veciños presentan ante a xefatura territorial de Economía e Industria”, matizou o delegado territorial.
En concreto, tal e como apuntou o delegado territorial, no caso do Deza-Tabeirós as instalacións eléctricas que foron melloradas centráronse nas zonas de Amedo, no concello de Dozón; en Prado, Noceda e Lamas, en Lalín; e na Cortiña, en Vila de Cruces.
No eido das actuacións singulares en Media Tensión na comarca dezana destacan tamén as obras previstas ao longo do período 2014-2015 nos concellos de Agolada (San Estevo-Basadre), Silleda (nova saída Paizas-Boqueixón) e as actuacións en Bergazos e Cangas, no concello de Lalín, cun investimento previsto de 481.000 euros.
Liña de alta tensión Irixo-Lalín
Especial mención fixeron tanto os responsables da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra como o delegado de Unión Fenosa Distribución en relación a posta en marcha da liña de alta tensión Irixo-Lalín.
Nestes intres, segundo avanzo o responsable de desenvolvemento de Alta Tensión Galicia de Unión Fenosa Distribución, Pablo Carreira, esta compañía está a tramitar o proxecto da liña de alta tensión Irixo – Lalín (LAT 132 kV), que, cunha lonxitude de 21,708 quilómetros, conseguirá garantir o subministro eléctrico aos usuarios da comarca.
O proxecto da LAT Irixo – Lalín conta cun investimento de máis de 6,4 millones de euros e atópase actualmente na fase final do proceso de tramitación administrativa.
A construción da LAT Irixo – Lalín conseguirá un dobre obxetivo, tal e como engadiu Pablo Carreira. Por un lado, dotará de doble vía de evacuación ao parque eólico de Irixo e por outro garantirá o subministro de enerxía eléctrica na comarca. A liña consta de dous tramos aéreos (20 quilómetros) e outros dous subterráneos (1,5 quilómetros).
Ademais está prevista a renovación da subestación de Lalín coa instalación dun novo parque de 132 KV en lugar do actual de 66 KV e levarase a cabo a repotenciación da liña preexistente entre Lalín e Chantada de 66 a 132 KV. A maiores, os transformadores actuais serán substituídos por dous novos cunha relación 132/20 KV de 30 MVA (Megavatios), incrementando a potencia instalada de 50 a 60 MVA. Estas actuacións contan cun investimento estimado de máis de 8,4 millóns de euros.
“En total, estamos a falar dun importante investimento que rolda os 15 millóns de euros”, engadiu pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, matizando que está previsto que se inicien os traballos de execución destes proxectos no último trimestre do presente ano.
O obxectivo de estas iniciativas, fomentadas polo goberno galego, é potenciar as infraestruturas de subministro de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas onde é necesario mellorar a calidade do servizo, contribuíndo ao desenvolvemento económico de estes territorios, e a mellora das súas condicións de vida.











