A mancomunidade prepara un proxecto de promoción turística do xeodestino de Ferrolterra
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta tarde una nova sesión ordinaria da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol. Os rexedores acordaron presentar á Xunta de Galicia unha proxecto de promoción turística do xeodestino Ferrolterra. O obxectivo é conseguir unha achega económica da administración autonómica para financiar paquetes relacionados co turismo industrial e artesanal – gastronómico (naval, pan de neda, pementos do couto, conserveiras…), camiños de peregrinación (San Andrés e Camiño Inglés), as praias, o surf e os deportes náuticos, e as paisaxes e espazos naturais (miradoiros costeiros, faros, antigas baterías militares, fragas do Eume…).
A proxecto avanzado hoxe na sesión ordinaria do organismo supramunicipal para difundir o xeodestino de Ferrolterra contempla, ademais da coordinación dos concellos e das oficinas de turismo da zona, a edición de material promocional e informativo (mapas, guías, folletos…), a creación dunha imaxe de marca, asistencia a feiras e o deseño e comercialización de paquetes e actividades coa participación do empresariado. O montante que a Mancomunidade quere destinar a esta acción e para o que confía en contar co apoio económico da Xunta de Galicia está valorado en ao redor de 88.000 euros.
Punto Limpo de Vilar do Colo
Noutro orden de cousas, o pleno da Mancomunidade tamén abordou unha proposta de convenio para o servizo compartido do Punto Limpo situado no polígono industrial de Vilar do Colo por parte dos concellos de Ares, Cabanas, Fene e Mugardos. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, construíu este equipamento medioambiental, e a Mancomunidade actúa agora como instrumento de colaboración dende o que se promove unha fórmula de xestión e prestación deste Punto Limpo de maneira compartida.
Así as cousas, a proposta de convenio que se atopa en fase de estudo por parte dos distintos Concellos contempla un orzamento base de licitación da xestión do Punto Limpo de 41.050 euros ao ano e unha duración de catro anos prorrogables por un máximo de outros dous. O custe do servizo a asumirían os concellos usuarios do mesmo. O Punto Limpo de Vilar do Colo ocupa unha parcela de 2.492 metros cadrados; a súa función será a de almacenaxe temporal de residuos de orixe doméstico. Para isto, o recinto está equipado cunha caseta de recepción e control, área de descarga e zona de colectores (para voluminosos, entullos, ferralla, restos de vexetais e de poda, pneumáticos, plásticos, madeira, roupa, vidro, papel – cartón, envases lixeiros) e zona de almacenamento de residuos perigosos do fogar, de residuos e aparellos eléctricos e electrónicos e de plásticos agrarios.
No que atinxe ao horario de funcionamento, no bocexo do prego de condicións elaborado polos técnicos establécese que cubrirá o equivalente a un mínimo de 20 horas semanais, repartidas segundo xornadas de luns a sábado, e comprendendo unha franxa horaria diaria de 3 a 4 horas –repartidas entre mañá e tarde-. A instalación permanecerá pechada os domingos.











