A ITV para os vehículos agrícolas retorna a San Sadurniño durante o mes de marzo
A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volve a San Sadurniño neste mes de marzo para “pasarlle a revisión” aos tractores e outra maquinaria agrícola. O 14 e o 17 de marzo estará no Camiño Arriba e o 26 e 27 en Igrexafeita. Por outra banda, o Concello informa que a partir do 10 estará exposto ao público o padrón fiscal do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica.
A vez para pasarlle a itv aos nosos tractores, remolques e outra maquinaria agrícola pode pedirse a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com. Outra posibilidade é solicitar cita no lugar desde o primeiro día de chegada da estación.
No Camiño Arriba a ITV instalarase na explanada de Lácteos O Casal. O 14 de marzo atenderá todo o día, desde as 9.00 ata as 13.30 horas e desde as 15.15 ata as 18.00h., mentres que o 17 de marzo estará aberta só de mañá: de 9.00 a 13.30.
En Igrexafeita a estación móbil situarase na pista polideportiva da Torre e atenderá o día 26 de marzo pola mañá e pola tarde e o día 27 de marzo só entre as 9 e as 13.30 horas.
Cómpre lembrar que os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos. Desde a empresa concesionaria indican que a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
Publicado o padrón fiscal do IVTM
Ente o 10 de marzo e o 19 de abril de 2014 -ambos incluídos- permanecerá exposto no Concello e na Deputación o padrón fiscal do IVTM. Este padrón é a relación de persoas suxeitas ao pagamento do imposto coñecido comunmente como “rodaxe” dos coches, motos, camións, autobuses, tractores, etc. que non estean exentos. De feito, da exención ou bonificación poden beneficiarse -previa solicitude- os vehículos históricos ou os de persoas cun grao de discapacidade determinado e recoñecido.
Calquera persoa pode examinar o padrón para comprobar que os datos que figuran nel son correctos. Se desexan formular algunha alegación abrirase un periodo de 1 mes para presentar recurso de reposición perante a Deputación, que é a encargada de recadar este imposto.
O prazo para presentar o recurso iniciarase ao día seguinte da finalización do periodo de exposición pública do padrón. O recuso de reposición haberá que dirixilo á Presidencia da Deputación e poderá presentarse nas propias depedencias provinciais ou a través do portelo único do Concello.











